A Xunta quebranta o seu propio acordo: a falta de docentes e desdobramentos manterá as ratios por aula no máximo

Aulas de Infantil e Primaria superan o límite de 20 ou 25 alumnos que obrigan a reforzar o persoal ou desdobrar os grupos. (Foto: Arxina).
A pouco máis dun mes para que comece o curso escolar as asociacións de nais e pais do alumnado acrecentan a súas queixas ante a administración educativa. Aseguran que a Consellaría de Educación non está a cumprir os acordos asinados para baixar as ratios e reducir o horario lectivo dos docentes a 23 horas semanais.

Nin desdobramentos de aulas nin reforzo de persoal docente. Equipos directivos e asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) están a recibir con "estupefacción" a resolución da Consellaría de Educación ás súas demandas de cara ao novo curso en virtude das medidas comprometidas polo Goberno galego para "mellorar o funcionamento do sistema educativo".

A proposta da Xunta da Galiza para reducir as ratios de alumnado por aula e o horario lectivo das e dos docentes contou en outubro do ano pasado co apoio dos sindicatos CCOO, UXT e ANPE máis a negativa da CIG-Ensino –sindicato maioritario no sector– e STEG.

O acordo concreto, publicado en xaneiro deste ano, recolle unha diminución das ratios progresiva que se iniciará este curso 2024-25 en 4º de Infantil (tres anos), onde o número máximo de crianzas por aula pasará de 25 a 20. Ademais, a nenas e nenos que teñan unha discapacidade recoñecida de máis de 33%, unha dependencia de grao I ou un trastorno de conduta grave computarán por dous alumnos a efectos da ratio, e por tres se a discapacidade é igual ou superior a 65% ou a dependencia de grao II ou III. Polo que se refire ao horario lectivo do profesorado, reducirase de 25 a 23 horas á semana en Infantil e Primaria.

Un acordo no aire

Porén, centros educativos e familias están a comprobar estes días que o cumprimento do acordo fica moi lonxe da reali-
dade das aulas. O colexio de Ventín, en Ames (comarca de Compostela), non contará con ningún dos sete profesores extra que o centro demandou para poder atender as novas condicións estabelecidas pola Xunta. "A escola conta con 604 alumnos distribuídos en 26 aulas, sen espazo físico para crecer nin desdobrar aqueles grupos que superan as ratios fixadas", explica a Nós Diario Javier Cacheiro, presidente da ANPA de Ventín.

"Para compensar a redución horaria que debe aplicárselle ao profesorado o centro requiriu catro docentes extra e para compensar a imposibilidade de desdobrar as cinco aulas que a día de hoxe contan 26 alumnos, algúns con necesidades de apoio educativo, pedíronse tres docentes máis, pero a Consellería non concedeu ningún", afirma.
En Ventín están "sorprendidos" porque os cambios que anunciou a Xunta non se materializan na práctica. "Todo segue igual", sen persoal de apoio e con aulas masificadas, mesmo nalgúns casos con máis alumnado do que contaban o curso pasado.

Persoal ao límite

No CEIP Veleiro-Docampo, de Castro de Rei (Terra Chá)  tamén recibiron a negativa da Consellaría de Educación. "Nin enviará ningún dos profes necesarios (un de inglés e outro de educación física compartido) nin permite o desdobramento de 2º de Primaria, que suma 26 nenos e nenas en matrícula ordinaria, nin de 4º de infantil, que suma 25 e non 20", relata María Gómez, presidenta da ANPA.

As familias denuncian o incumprimento por parte da Xunta dos seus propios acordos mais tamén o impacto que iso supón na planificación e calidade educativa do novo curso. "O profesorado que temos xa está a tope de horas, se non se reforza o persoal a Dirección do centro xa dixo que terá que retirar coordinacións, biblioteca, apoios educativos. Non protestamos por un neno de máis nunha aula, senón por todo o que implica ignorar as necesidades reais das escolas".

Necesidades educativas

Jéssica Fernández é nai dunha nena de tres anos cunha dependencia de grao III a piques de iniciar a súa escolarización no CEIP Pena de Francia de Mos (comarca de Vigo). "A nosa filla superou un neuroblastoma que lle provocou unha doenza autoinmune que hai que vixiar moi de perto. Ten dependencia e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), que Inspección Educativa ignorou. A nosa filla ocupa dúas prazas extra e ten a obriga de desdobrar a súa aula, que suma 22 crianzas e non '20 cabezas' como di. O cento ten espazo para desdobrala pero necesita os recursos de persoal e apoio, que é o que nós reclamamos", amparadas polo acordo xaneiro e pola Lomloe.