A falta de profesorado de reforzo obriga a cancelar exames nas escolas de idiomas

A EOI de Compostela ten adiadas as probas libres de certificación dos niveis B2 e C1 de galego e B1, B2 e C1 de inglés.
A negativa da Xunta a enviar profesorado de reforzo ás Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) para realizar os exames previstos nestas semanas nas novas condicións de distanciamento que impón a Covid-19 obrigou nas últimas horas a maioría dos centros galegos a suspender as probas de certificación do alumnado matriculado en modalidade libre en varios niveis de galego e inglés.

A petición de docentes de reforzo para as probas a realizar entre setembro e outubro cursouse, segundo confirman varios centros, no mes de xullo, unha vez que se deron a coñecer os cambios de calendario lectivo obrigados polo coronavirus e tendo en conta que os exames precisarían estenderse no tempo, dadas as novas directrices de seguridade.

Hai dous días, as escolas recibían unha nota informativa da Xunta na que se lles explicaba que "debido ao aprazamento do inicio do curso, e como consecuencia do proceso de adxudicación de vacantes de profesorado para as ensinanzas de réxime xeral, non é posíbel cubrir as necesidades de profesorado de apoio para as probas previstas para a primeira quincena de outubro" e na que se empraza a que se organicen para manter os exames que poidan realizar sen máis persoal.

Segundo a información trasladada a algunhas das directivas, a Administración non realizou aínda a baremación das listas de substitución que abrira en xullo, polo que non está en disposición de remitir o persoal que precisan estes centros. 

Inicio de curso 

As modificacións do calendario afectan parte do alumnado libre dos centros da Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo –así como ás súas seccións en Cangas, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Tui–, Ribadeo e de Vilagarcía, o único que xa reprogramou os exames. Unicamente as escolas de Viveiro e Monforte (e mais a súa sección en Chantada) manteñen os prazos previstos. 

"Valoramos a posibilidade de reorganizar o inicio de curso, mais non é factíbel porque xa vai moi atrasado, ao terse trasladado as probas de xuño a setembro. Se avaliasemos este alumnado, comezaríamos aínda máis tarde", expón o director da escola de idiomas de Lugo, Fernando Vázquez, quen indica que agora será a Consellaría a que, unha vez reciba a notificación das probas que se cancelan –neste caso, as libres de nivel B2 e C1 de galego e de nivel C1 de inglés, tanto escrito como oral–, estabeleza cando e como se van realizar. 

Na EOI de Compostela, o seu director, Gonzalo Constenla, ve no inicio deste curso un "dano colateral" da suspensión, cuxo desenvolvemento e prazos dependerá das decisións da Consellaría sobre os exames adiados. 

A CIG –o sindicato con maior representación no ensino galego– estima que a cancelación afecta máis de 3.000 persoas matriculadas, "que se enteraron do adiamento dos exames a poucas horas do seu comezo".

Só na escola de Compostela o aprazamento deixa en suspenso  a certificación de 383 estudantes da proba libre de galego e de 485 de inglés, contando coa matrícula de Negreira, Noia, Ordes e Ribeira, máis de dous terzos do alumnado libre do centro.   

Sen probas unificadas

A primeira consecuencia da suspensión dos exames –segundo o caso de cada escola, o B2 e C1 de galego, e B1, B2 e C1 de inglés– é que o alumnado matriculado libre –que ten dereito a esta única proba– deberá agardar a reprogramación para obter o seu certificado oficial.

Como pon de relevo o director da EOI de Compostela, ese lapso xerará "desigualdades" entre as persoas matriculadas nun ou noutro centro e nas súas posibilidades de presentar este mérito en convocatorias que teñan aberto o prazo de matrícula.

Segundo denuncian desde CIG-Ensino, a instrución da Consellaría ás escolas para que organicen as probas en funcións das súas posibilidades contravén ademais as súas propias directrices, que indican que estes exames deben ser unificados para toda Galiza e, polo tanto, realizarse ao mesmo tempo.