Familias de Outes, Lousame e Porto do Son teñen que ir a Noia á pediatra

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade (Foto: Xunta da Galiza)
A Consellaría de Sanidade resolveu centralizar en Noia, capital da comarca homónima, os servizos de pediatría da poboación menor de tres anos dos concellos de Lousame, Outes e Porto do Son, ademais da do propio municipio, unha decisión que non contenta nin familias nin persoal sanitario. Hoxe, veciñanza da comarca de Noia realizará unha protesta diante do centro de saúde de Porto do Son. 

Segundo explicou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo, na Cámara galega, a atención sanitaria na comarca de Noia está "plenamente garantida no verán" malia a falta de médicos e pediatras que afecta a todos os territorios do Estado, dixo.

No caso de Noia, aclarou, a situación de incapacidade temporal de dous dos catro pediatras asignados a cadanseu centro de saúde da comarca obrigou o Sergas a centralizar, de forma eventual, a atención pediátrica no centro de saúde de Noia, ao ser o que conta con máis recursos nunha localización intermedia.

As explicacións ofrecidas pola Consellaría de Sanidade non convencen as familias nin os gobernos locais. Tampouco ao persoal sanitario, que ve minguar o número de profesionais e aumentar a carga de traballo. "Desde hai case medio ano, en Outes contabamos cunha pediatra que chegou a media xornada para ocupar unha praza de especialista que até entón atendía un puericultor a xornada completa. Facía media xornada en Outes e outra media en Noia, onde xa había unha especialista. Coa entrada do verán a sorpresa foi que acordaron centralizar toda a atención en Noia deixar os outros tres concellos da comarca sen profesionais de referencia para as familias con crianzas", explica Xosé María Dios, médico de Atención Primaria en Outes a Nós Diario. Asegura que esta decisión supón para as persoas usuarias "unha perda de dereitos e servizos, ademais dunha incomodidade para as 480 crianzas de Outes".

Máis presión, máis espera

A veciñanza de Outes mobilizouse o pasado 10 de xullo para protestar pola retirada do servizo de pediatría, dous días antes de que as familias de Porto do Son se concentrasen, tamén, para exixir á Xunta da Galiza "nin un día sen pediatría".

No Son fican sen especialista perto de 980 nenas e nenos de 0 a 14 anos. En Louseme, case 300. A estes hai que sumarlle os máis de 1.500 cos que conta Noia. Máis non todos están chamados a acudir ás dúas pediatras, de catro, que estes días asumen o servizo en toda a comarca. "Todas as crianzas de até 3 anos teñen que ir a Noia e as de 3 anos para arriba teñen que asumilas os médicos de familia dos pais", explica Sonia García Gosende. "Entón xúntanse dous problemas porque os médicos de cabeceira están baixo mínimos en todos os centros de saúde", sen persoal substituto que cubra as xubilacións, baixas e vacacións que se dan en todos eles.

García Gosende é veciña de Outes e enfermeira no Punto de Atención Continuada (PAC) de Noia, a onde chegan en horario de tarde moitas persoas que non logran cita para unha consulta.

"Se xa era complicado, agora aínda o é máis difícil. No que vai de xullo, en Outes, de cinco médicos hai días de tres e hainos de dous", para atender a súas axendas, as dos compañeiros e agora, a rapazada de máis de 3 anos. "E cando non atopan saída a xente vai ao PAC, que é a opción máis fácil, malia a tratarse dun servizo de urxencias".