O feche e a redución de horarios nos centros de saúde auguran un “verán crítico” en Vigo

Punto de Atención Continuada (PAC) de Vigo, situado na rúa Pizarro. (Foto: Nós Diario)

O BNG demanda á Xunta da Galiza un plan de reforzos urxente para evitar un “maior colapso” da Atención Primaria, con recortes xa confirmados nos ambulatorios de Pintor Colmeiro, Navia e Lavadores durante o período estival.

Os centros de saúde da área sanitaria de Vigo enfróntanse a un dos seus peores verán. A negativa da Consellaría de Sanidade a substituír o persoal de Medicina Familiar e Comunitaria no seu período vacacional, escudándose na falta de médicos en paro, levará a que centros de saúde como os de Pintor Colmeiro, Navia e Lavadores, que suman unha poboación de referencia de 55.000 persoas, fechen en horario de tarde e concentren a atención ás e aos pacientes pola mañá.

Esta decisión suporá unha maior presión asistencial non só para os propios ambulatorios, que deberán atender as mesmas pacientes só no horario matinal, senón tamén para o Punto de Atención Continuada (PAC) de Vigo. Esta situación manterase ao longo do verán o verán e durante parte do outono, pois prevese que estes centros non retomen o seu horario habitual até o mes de outubro.

Tendo en conta isto, a previsión é que a sanidade pública de Vigo enfronte un “verán crítico”, motivo polo cal o BNG vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para demandar á Xunta da Galiza un “plan de reforzos urxente” que evite un “maior colapso” da Atención Primaria da cidade olívica.

“Se nos últimos anos o PP converteu en norma que haxa listas de espera para unha cita médica nos centros de saúde, o que se vai vivir este verán é moito peor”, advertiu esta sexta feira a deputada do BNG Alexandra Fernández xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas. “E agora a Xunta quere normalizar unha nova fase do desmantelamento da sanidade pública con estes recortes de horarios e servizos”, subliñou.

Nese sentido, Fernández afeou que o Goberno galego estea “dosificando” a información sobre os feches nos centros de saúde. “Hoxe sabemos xa que 55.000 pacientes non van recibir asistencia en Pintor Colmeiro, Navia e Lavadores polas tardes durante catro meses”, lamentou a deputada nacionalista, quen avanzou que esta “ameaza” pode afectar a máis ambulatorios como o de Bouzas, onde dos 6 médicos e médicas previstos tan só conta cun profesional polo “recortazo” do PP. Nalgúns casos, alertou, o Sergas valora incluso a posibilidade de que só se atendan urxencias.

Medidas estruturais para “salvar” a Atención Primaria

Por estes motivos, desde o BNG comprometéronse a defender con firmeza medidas estruturais para “salvar” a Atención Primaria e evitar que este verán se viva unha situación “crítica nunca antes vista” nos centros de saúde de Vigo. “Este é un problema estrutural provocado por unha planificación neglixente do Sergas, que sabe que cada verán hai vacacións e desde hai anos coñece o volume de xubilacións”, criticou Fernández.

Fernández reiterou por estes motivos a necesidade de pór en marcha un plan de reforzo da Atención Primaria, dotado no mínimo con 200 millóns de euros, así como incrementar a carteira de servizos con especialidades como Psicoloxía Clínica ou Fisioterapia. “A responsabilidade desta situación non é das e dos profesionais, é da falla de previsión do Sergas”, salientou, pondo como exemplo que na última convocatoria de formación MIR só se cubriron 1 de cada 3 prazas ofertadas para médica de Familia. 

Xunta do PP, “comercial dos seguros privados”

No mesmo sentido, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, exixiu á Xunta que “deixen de actuar como representantes comerciais dos seguros privados” e garantan a atención sanitaria nos centros de saúde de Vigo. “O problema non é o verán nin que o persoal sanitario poida exercer o seu dereito ás vacacións”, cuestionou, sinalando como causa as “nefastas políticas coas que o PP quere dinamitar a sanidade pública”.

Igrexas cualificou de “intolerábel” que o PP decida que as viguesas e vigueses “non teñen dereito a enfermar no verán”, lembrando que son moitas as persoas con doenzas crónicas que precisan un adecuado seguimento da súa saúde ou que moitas crianzas das parroquias de Vigo pasan moitas semanas sen pediatra.

“Non podemos permitir nin un minuto máis estas políticas de recortes que o único que perseguen é empurrar a un cada vez maior número de persoas a contratar seguros privados”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo. “A  nosa saúde non pode depender da nosa tarxeta de crédito”, remachou.