O feminismo denuncia ante a Valedora a supresión polo Goberno galego da Secretaría Xeral de Igualdade

Concentración onte do feminismo galego ante a Valedora do Pobo (Foto: Nós Diario)
Representantes de 42 colectivos reclaman a intervención da institución.

42 colectivos feministas concentráronse esta quinta feira  ante a sede da Valedora do Pobo para denunciar a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta da Galiza, unha decisión do Gfobenro galego saído das eleccións do 18 de febreiro que o feminismo non dubida en cualificar dunha "degradación das políticas de igualdade" na Galiza. 

Concentración ante a Valedora do Pobo e formalización dunha queixa. Estas son as dúas medidas que concretou esta quinta feira o feminismo galego para denunciar a supresión no organigrama do Goberno galego da Secretaría Xeral de Igualdade,  un órgano creado baixo o Goberno galego de coalición do PSdeG e o BNG (2005-2009) e que Alfonso Rueda decidiu eliminar na súa remuda do Executivo após as eleccións do 18-F.

Para eses 42 colectivos, entidades e asociacións, estamos sen dúbida perante unha "degradación das políticas de igualdade" ante a que se fai necesaria a "intervención da Valedora para que o Goberno da Xunta reconsidere a súa decisión". O feminismo entende que esta decisión do novo Goberno de Alfonso Rueda non é unha medida illada e así o expresan no seu escrito de queixa ante a Valedora. "Fixemos un recordatorio das políticas de desmantelamento impulsadas polos sucesivos Gobernos do PP de recursos chave para as mulleres podermos avanzar en igualdade", afirman.

 A lista que enumeran non é curta: a desaparición do Sistema Galego de Igualdade, a "irrelevancia" dos centros Quérote, dos Centros de Información á Muller (CIM), a mingua dos pisos de acollida para mulleres maltratadas...

 A isto, engaden, o mesmo Executivo que recorte estas medidas e servizos aposta por "promocionar con subvencións e presenza en institucións públicas a asociación antiabortista Red Madre, dificultaron a práctica do dereito ao aborto na rede sanitaria pública".

"Unha medida que non pode pasar inadvertida"

A desaparición da Secretaría Xeral "non pode pasar inadvertida", ao igual que a separación de igualdade e violencia "en dúas Dirección Xerais", denuncian esta corentena de entidades e colectivos. "É unha torpeza non entender que a violencia de xénero non é senón a mostra máis indesexábel da desigualdade destinada ás mulleres", argumentan. 

Para alén disto, engaden, hai un motivo máis de preocupación: A actitude do actual director xeral contra a Violencia de Xénero, que eludiu analizar  a reincorporación ás filas do PP do concelleiro da Illa de Arousa que fora condenado por un delito de violencia de xénero , alegando que se trata dunha "decisión política".

"Estamos fartas de que a Igualdade sexa un reclamo electoral, exiximos seriedade na aplicación de políticas para a igualdade real, medidas transversais e que en todas as áreas se teña en conta o impacto do conxunto das medidas na vida das mulleres", exixen. 

As mulleres organizadas no feminismo galego "imos ser constantes na oposición a calquera decisión que supoña un paso atrás nos nosos dereitos. Agora facémolo de forma simbólica coa entrega desta queixa mais, como temos demostrado, somos quen de encher as prazas para reclamar a igualdade que aínda se nos adebeda".