O PSdeG pedirá desde o Parlamento e deputacións que a Xunta recupere Igualdade como secretaría xeral "como mínimo"

Carmala Silva acusa de "negacionismo" a Rueda e cualifican de "vergoña" que o PP da Illa recupere o edil condenado por violencia machista

carmela silva psdeg
photo_camera Carmela Silna, no centro, na comparecencia desta sexta feira (Foto: PSdeG)

O PSdeG anunciou esta sexta feira que emprenderá unha 'ofensiva institucional' contra os cambios no organigrama da Xunta da Galiza na área de Igualdade, que pasou de ser unha Secretaría Xeral a dúas direccións xerais: Promoción da Igualdade, por unha parte, e Loita contra a Violencia de Xénero, por outra.

Desta forma, os socialistas levarán iniciativas ao Parlamento galego, ás deputacións e aos plenos dos concellos para reclamar a Alfonso Rueda que, "como mínimo", devolva "a entidade que xa tiña" como secretaría xeral, aínda que consideran que debería ter unha Consellaría propia "igual que no Goberno de España hai un ministerio".

Nunha rolda de prensa na que participaron a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, e a secretaria de Igualdade do partido, Silvia Fraga, entre outras representantes, cargaron contra a deriva " moi preocupante" que, ao seu xuízo, iniciou Rueda con estes cambios orgánicos e tamén coa decisión do PP da Illa de Arousa (O Salnés) de reintegrar nas súas filas o que foi a súa cabeza de lista nas pasadas municipais, Matías González, a pesar de que fora apartado tras coñecerse que fora condenado por violencia machista.

No que respecta a a estrutura da Xunta, Silvia Fraga denunciou a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade e comparouno ás políticas do PP en "outras comunidades, onde se esconden detrás da ultradereita de Vox". "Pero aquí están eles (os populares) soíños", apuntou.

Esta "deriva", segundo a responsábel de Igualdade do PSdeG, xa "empezou con Núñez Feixoo en 2010" ao suprimir o Servizo Galego de Igualdade e agora culmínaa Rueda coas súas últimas decisións aprobadas no Consello da Xunta.

Para os socialistas, desdobrar esta área en dúas direccións xerais "dá a entender que a orixe da violencia non é o machismo nin a ausencia de igualdade".

Pola súa parte, a presidenta do partido na Galiza lembrou que en 2023 foron asasinadas 58 mulleres por violencia machista e que no que vai de 2024 son xa 10, máis sete menores.

Neste contexto, Carmela Silva lamentou que Alfonso Rueda faga "xustamente o contrario" ás políticas sobre as que había "un consenso" xa desde 2004, coa Lei Orgánica contra a Violencia de Xénero, e posteriormente co pacto de Estado. O presidente da Xunta, dixo posteriormente, "está a romper co espírito" destas normas.

Así, Silva advertiu que "non se pode desvincular" a igualdade da violencia machista, porque nese caso "está a mandarse unha mensaxe moi clara á sociedade: que a violencia de xénero non ten que ver coa desigualdade".

En paralelo, as socialistas lamentaron as palabras do novo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, quen cualificou esta cuestión como "un problema de saúde pública".

Ao fío de todo iso, o PSdeG tamén cargou duramente contra a decisión do PP da Illa de Arousa de recuperar ao grupo municipal ao que foi a súa cabeza de lista, condenado hai anos por agredir a súa parella, que se mantiña como non adscrito. Todo iso a pesar de que "Rueda dixo que, fose cal fose o resultado, non se reintegraría a esta persoa".

Comentarios