O PP da Illa de Arousa recupera un edil cunha condena anterior por violencia machista: Só "cometeu un erro"

O grupo popular di que o concelleiro só "cometeu un erro, pagou por el e acumula un enorme caudal político, humano e social, cunha implicación absoluta na loita pola igualdade e a erradicación da execrábel violencia contra as mulleres".
Reunión do comité do PP de Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión do comité do PP de Pontevedra (Foto: Nós Diario).

O PP da Illa de Arousa (O Salnés) reintegrou no seu grupo municipal ao edil non adscrito Matías González Cañón, que foi o candidato popular nas eleccións municipais de hai un ano mais foi apartado tras saír á luz pública unha condena anterior (de hai máis dunha década) por violencia machista.

González Cañón, a pesar de saltar a súa condena xudicial en pleno período electoral, logrou sendo cabeza de lista aumentar os apoios da dereita nesta localidade e disputar case a maioría, mais o PSOE co apoio do BNG conseguiu reter a Alcaldía. En paralelo, quedou como non adscrito no grupo municipal.

A través dun comunicado de prensa, o PP informou de que vén de reintegrar ao edil Matías Cañón, alcanzando desta forma os cinco concelleiros e concelleiras na Corporación municipal, "para respectar a vontade das urnas, reincorporar a unha persoa que sempre loitou por este concello e para proceder á mellor defensa dos intereses xerais dos veciños".

Desta forma, nun escrito asinado polos concelleiros Tamara Neto, Rubén Rial, Miguel Paz e Noelia Feixoo, solicitou a autorización á dirección do partido para o regreso de Matías Cañón, apelando ao cumprimento da condena de hai 13 anos, que consistiu en 89 euros e traballos comunitarios, e á "plena integración para a vida pública ditaminada" polo Ministerio de Xustiza.

O grupo popular da Illa explicou que está "certificado" que son feitos que carecen de vixencia e que "xa pasou máis dunha década" desde o seu vencemento, polo que "a figura de Matías é indiscutida e moi querida pola inmensa maioría do concello e a súa vida caracterízase pola exemplaridade, a súa gran implicación social e o seu compromiso inquebrantábel e irrenunciábel contra a violencia machista".

Só "cometeu un erro"

Así, o grupo popular di que o concelleiro só "cometeu un erro, pagou por el e acumula un enorme caudal político, humano e social, cunha implicación absoluta na loita pola igualdade e a erradicación da execrábel violencia contra as mulleres".

"Cremos que A Illa ten que aproveitarse da súa valía e estamos convencidos de que ten moito que dicir no futuro do noso concello", manifestaron os concelleiros e concelleiras do PP na Illa, que mostraron a súa "satisfacción" pola "autorización" concedida pola dirección do partido para a reintegración na formación popular "atendendo ás demandas da maioría social" da Illa.

"Ante uns feitos legalmente superados, esperamos que as demais forzas políticas respecten esta decisión e nos deixen traballar pola Illa e polo seu futuro", sinala, así mesmo, o PP local.

Comentarios