Os fenómenos climáticos extremos serán cada vez máis frecuentes

Os termómetros achéganse con máis frecuencia aos 40ºC en diferentes puntos da Galiza durante a temporada estival. (Foto: Nós Diario)
Fenómenos extremos que podían ocorrer cada 100 anos, a partir de 20250 farano cada oito, alertan as expertas. 

A Directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Limpa da Comisión Europea, Beatriz Yordi, advertiu esta terza feira en Compostela de que o cambio climático "xa está aquí" e que os fenómenos extremos que podían ocorrer cada 100 anos, a partir de 2050 farano cada oito.

Así o explicou na xornada 'O camiño á neutralidade climática: reflexións desde Galiza e Europa', decorrida no Consello da Cultura Galega e organizada polo Centro de Investigación Interuniversitario do ámbito da economía e a empresa (Ecobas). 

Beatriz Yordi destacou que o cambio climático produciu 75.000 mortes prematuras por vagas de calor en Europa, ademais de 55 millóns en perdas por inundacións en Estados como Alemaña ou Bélxica. Por isto, incidiu na necesidade de aplicar políticas que vaian máis aló e recordou que "non se pode facer unha política de cambio climático sen innovación social". 

Pacto Verde

Da mesma maneira, Beatriz Yordi incidiu na importancia do chamado Pacto Verde, unha "actualización" das políticas climáticas e enerxéticas co que a Unión Europea busca alcanzar a "neutralidade climática", isto é, que non haxa emisións netas positivas de gases de efecto invernadoiro. 

Neste sentido, asegurou que este é un pacto "ambicioso" co que se logrou "desligar" contaminación de crecemento económico. Por outra parte, tamén puxo o foco nunha problemática que rodea Europa: a dependencia dos combustíbeis fósiles. Segundo detallou, tan só durante o ano pasado importáronse combustíbeis fósiles por valor de 774.000 millóns de euros. Lamentou, así, a "dependencia" que aínda existe a respecto de petróleo, gas e carbón, unha realidade que "non se puido cambiar".