Arzúa quece motores para a 49ª Festa do Queixo: consulta aquí a programación completa

Guadi Galego, primeira pola esquerda, é un dos 'pratos fortes' desta edición da Festa do Queixo de Arzúa.
Guadi Galego, Grande Amore, Fillas de Cassandra ou Arde Bogotá, os grandes atractivos musicais dunha festa que inaugurará co seu pregón a actriz María Vázquez e que celebrará a gastronomía arzuá do 1 ao 3 de marzo.

O concello de Arzúa quece motores para a que será a 49ª edición da súa popular Festa do Queixo, que se celebra entre esta sexta feira, 1 de marzo, e o vindeiro domingo, día 3, con grandes propostas musicais como reclamo, actividades para todos os públicos e idades e, como non podía ser doutra forma, o queixo, a estrela da gastronomía arzuá, como gran protagonista. O evento conta coa distinción de Festa de Interese Turístico da Galiza desde 1999.

A festa dará oficialmente o disparo de saída este sábado ás 11.45 horas da man da actriz María Vázquez, candidata ao Goya a mellor actriz por Matria neste 2024 e a encargada de dar o pregón este ano no campo da feira. Porén, nas rúas de Arzúa pode sentirse o olor a queixo —e a gana de festa— desde a pasada segunda feira. Para esta sexta, entre as 18 e as 23 horas, está programado o Concurso de Tapas e Petiscos elaborados a partir do queixo da DOP Arzúa-Ulloa.

E o propio sábado, antes do pregón —de 11.30 a 13.30h— animará as rúas o grupo de gaitas O Bringuelo. E após o discurso da afamada actriz viguesa, xa pola tarde, organizarase ás 17h un obradoiro infantil de cociña, para crianzas a partir de 7 anos, titulado 'Érase unha vez unha sobremesa de queixo e chocolate', na cociña do recinto feiral. E ás 18.30h, o Festival Pequequeixo, con concertos da banda Ollo Piollo na praza da Galiza —ou, se chove, na Capela da Madalena—.

Cartel completo da 49ª Festa do Queixo de Arzúa.

Entre as 19 e as 20.30h a charanga Latexo Percusión volverá animar as rúas da localidade, e unha vez rematada a súa actuación fechará o recinto feiral. Xa ás 21h abrirá as súas portas o campo da feira, con entrada de balde até completar capacidade, para asistir ao Festival do Queixo, que inaugurará Tu futura ex mujer, grupo gañador do Queixo Maquetón. La Plazuela, ás 22.25h; Arde Bogotá, ás 00.30h, e finalmente Grande Amore, ás 2.05h, completarán a xornada musical.

Chegado o domingo, o recinto feiral 'Terra do Queixo' inaugurarase ás 10h, e desde esa hora e até as 14h será a quenda do torneo de xadrez 'Chess and Cheese Arzúa'. Ao mesmo tempo, de 10.30 a 12.30h,  o grupo de gaitas e cabezudos Os Viqueiras animará as rúas de Arzúa, e ás 12h o Trío Detrés protagonizará o Festival Pequequeixo. E para maiores, ás 12.30h o grupo De Vacas ofrecerá unha sesión vermú no campo da feira. Desde esa mesma hora, e até as 14h, Brassica Rapa animará as rúas.

O recinto festivaleiro volverá abrir as portas ás 17.30h para dar a benvida, media hora despois, a Guadi Galego. Finalmente, ás 19.50h, as Fillas de Cassandra porán o ramo á festa.