Ensino

As familias galegas gastarán unha media de 301 euros na 'volta ao cole', 34% máis que en 2023

Estudantes dun colexio de Ames (comarca de Compostela), no inicio do pasado curso escolar. (Foto: Arxina)
Reutilizar materiais e produtos de anos anteriores, con 39%, e a pesar de que baixa 14 puntos a respecto do ano anterior, é a principal opción para paliar os efectos da inflación.

O gasto medio previsto polos galegos e galegas na 'volta ao cole' é dunha media de 301 euros, o que supón 34% máis que en 2023, segundo datos ofrecidos esta sexta feira polo Observatorio de Cetelem. O estudo, realizado a partir 1.000 enquisas online en todo o Estado español, demostra que o gasto das familias da Galiza é 5% superior á media estatal, que se sitúa en 287 euros.

A maioría dos galegos e galegas enquisadas, 59% delas, pensa gastar o mesmo que o ano anterior nas súas compras de cara á 'volta ao cole', un aumento dun punto porcentual a respecto do declarado o ano anterior.

Descende seis puntos en comparanza con 2023 a porcentaxe de consumidoras que pensan gastar máis nas súas compras, un 21% fronte ao 27% que o manifestara no curso anterior. Porén, a porcentaxe de familias galegas que declaran ter intención de realizar un menor gasto, con 20% de mencións, aumenta cinco puntos a respecto de 2023.

Descende o impacto da inflación

Ademais, descende 19 puntos a porcentaxe de galegos e galegas que realizarán compras relacionadas coa 'volta ao cole' e que declaran que o aumento de prezos afectará as súas compras, cunha porcentaxe de 33% fronte ao 52% que o declararan o ano anterior. Trátase dunha porcentaxe inferior á media estatal, que se sitúa en 41%.

Este ano son menos familias as que se acollerán ao plan de reutilización de libros do curso anterior. Así, 31% delas —unha de cada tres— declaran a súa intención de facelo, un punto menos que en 2023.

Reutilizar materiais e produtos de anos anteriores, con 39%, e a pesar de que baixa 14 puntos a respecto do ano anterior, é a principal opción para paliar os efectos da inflación. Inmediatamente despois sitúase realizar compras de segunda man (23%).

Aliás, o 'top tres' de produtos con maior intención de compra de cara á 'volta ao cole' é, como en anos anteriores, o material escolar —42%, un punto máis que en 2023—, os libros —37%, un punto máis que en 2023— e a roupa —33%, un punto máis que en 2023—.