Estas son as estradas da Galiza con maior risco de accidente

Estrada N-120 ao seu paso pola Cañiza, na comarca da Paradanta. (Foto: Google)
Entre os dez tamos con maior risco de toda rede de estradas do Estado sitúase o cruzamento da N-640 coa N-634, en Ribadeo.

A Galiza conta cun total de 189 quilómetros en tramos de estradas do Estado —perto de 9% do total— con risco elevado ou moi elevado de accidente, tal e como se desprende da vixésima edición do Mapa de Risco do RACC. Este documento alerta de que no conxunto do Estado os tramos de vías estatais con risco elevado de accidente grave ou mortal aumentaron "por primeira vez en seis anos".

A nivel estatal, o informe identifica os tramos de vía interurbana con maior risco en función da cantidade de vehículos que circulan por elas, e analizou 1.395 tramos que suman 25.101 quilómetros. Para realizalo tivéronse en conta 2.987 accidentes con vítimas mortais ou feridos graves entre 2020 e 2022, e o 7,8% dos quilómetros "presentan un risco elevado ou moi elevado", medio punto porcentual máis que no anterior informe.

Pola súa parte, os quilómetros con risco moi baixo aumentaron até representar 49,5% do total, mentres que os de risco moderado medraron até o 9,6% e os de risco baixo, reducíronse até o 33,1%.

Por comunidades autónomas, Catalunya é a que ten unha maior proporción de quilómetros con risco elevado ou moi elevado, con 11%, mentres que Madrid é a única sen ningún tramo nestas categorías.

As estradas con máis quilómetros cun risco elevado ou moi elevado son a N-630 —tamén coñecida como Ruta da Prata—, a N-260 —ou Eix Pirinenc— e unha que decorre en boa medida pola Galiza, a N-120 entre Logroño (A Rioxa) e Vigo.

E, de feito, na clasificación por provincias, Ourense sitúase como a quinta da lista, con até 15% de tramos da RCE con "risco elevado ou moi elevado", por riba da media estatal, de 8%. Aliás, entre os dez tramos con maior risco de toda rede de estradas do Estado sitúase o cruzamento da N-640 coa N-634 (Ribadeo), na comarca da Mariña.