A Galiza é a comunidade do Estado que menos inviste en dependencia

O investimento da Xunta para promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia caeu 19%. (Foto: Nós Diario).

O Executivo de Alfonso Rueda é o Goberno autonómico que menos inviste en servizos sociais no Estado español. As achegas públicas ao mantemento do sistema de benestar non deixaron de caer desde 2009, ano de retorno do PP á Xunta da Galiza. A dependencia é unha das prestacións máis castigadas polo recorte.

O investimento en servizos sociais na Galiza situouse no ano 2022 en 300 euros anuais por habitante. Segundo os datos achegados pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) para esa anualidade, a último con cifras, o gasto social por persoa caeu un euro en relación co exercicio anterior, malia terse incrementado o custo da vida nese período en 6,4%.

Os números da Airef -organismo independente de control fiscal creado polo Goberno español a petición da Comisión Europea e cuxo obxectivo é garantir a estabilidade orzamentaria-, procedentes liquidación do orzamento de 2022 efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado, apuntan a que o gasto medio por habitante na Galiza é 78 euros inferior á media do Estado, con só Euskadi e Murcia investindo menos. Neste sentido, Euskadi destina a servizos sociais 256 euros ao ano por persoa e Murcia 273.

As cifras de 2002 non representan unha anomalía e enmárcanse na liña da última década. Así, o gasto social por habitante na Galiza foi inferior en 64 euros á media estatal en 2013, en 68 euros en 2014, en 66 euros en 2015, 2016, e 2017; en 69 euros en 2018, en 78 euros en 2019, en 69 euros en 2020 e en 60 euros en 2021. Porén, a fenda en investimento social entre a Galiza e o Estado rexistrou o seu nivel máximo en 2022, tras marcar unha diferenza de 78 euros.

A falta de compromiso investidor en benestar por parte da Xunta da Galiza déixase notar nos servizos de dependencia. Segundo os datos ofrecidos pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais para 2022, último exercicio con cifras, a Galiza é a autonomía que menos inviste en dependencia. Tanto é así, que o conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2022 de media ao financiamento deste servizo 74% do seu custo total. Porén, a Xunta da Galiza só dedicou 65%.

Fondos en dependencia

O gasto medio anual por persoa beneficiaria dunha axuda de dependencia situouse na Galiza no pasado exercicio en 6.955 euros. Os números da Xunta só ficaron por riba de Castela e León, con 6.716 euros, e de Andalucía, con 6.547 euros, colocándose máis unha vez por baixo da media estatal, que marcou un investimento de 8.135 euros. Neste sentido, Euskadi con 13.390 euros, Estremadura, con 11.264 euros, e Nafarroa, con 11.174 euros, rexistraron os mellores datos, mantendo a tendencia das cifras da anualidade pasada.

A situación é aínda peor tomando como referencia o gasto por persoa potencialmente dependente. Este indicador analiza o investimento público previsto para o conxunto de persoas que reciben a prestación e para aquelas peticionarias da mesma incorporadas nas listas a falta de avaliar o seu estado. Neste caso, a achega da Xunta da Galiza en 2022 foi de 615 euros, a máis baixa de todas as comunidades e moi lonxe da media estatal (1.181 euros). Máis unha vez, Euskadi, Estremadura e Nafarroa presentaron as mellores cifras.

Os fondos destinados a dependencia nos orzamentos galegos de 2024 avanzan un novo recorte no servizo. Así, a  partida para a promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia caeu 19,4%, pasando de 75 millóns de euros en 2023 a 60,5 millóns en 2024. A falta de dotacións orzamentarias suficientes sitúa a cobertura dos programas de dependencia por baixo da media do Estado. A este respecto, os datos achegados polo Ministerio de Sanidade sinalan que as solicitudes de dependencia rexistradas na Galiza representan 2,9% da poboación, 1,3 puntos por baixo do conxunto estatal. Neste sentido, o país ocupa neste indicador o penúltimo posto, só por diante de Canarias.

A contía das prestacións por dependencia atópanse na Galiza á cola do Estado. Segundo as últimas cifras do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), referidas ao primeiro semestre de 2023, as achegas a unha persoa dependente para sufragar os custos dun asistente persoal son de 225 euros ao mes, 62,8 euros por baixo da media estatal.

Os tempos de espera

O limitado investimento do Goberno galego ten o seu impacto na calidade e na xestión dos servizos de dependencia. Os datos máis recentes achegados polo Imserso, organismo dependente do Ministerio de Dereitos Sociais, indicaban que a 31 de xullo de 2023 o tempo medio de espera na Galiza para a resolución do grao de dependencia era de 277 días, 71 por encima da media estatal. Aliás, onte mesmo coñecíase que o tempo para conseguir o grao de discapacidade está en 365 días.

Os datos de resolucións de grao para persoas potencialmente dependentes aínda son máis preocupantes. Nesta variábel, Galiza atópase no último lugar de todas as comunidades autónomas, cunha porcentaxe de resolucións de grao en relación ás solicitudes de 17%, a metade que Andalucía con 36,65%, e moi por debaixo da media estatal, que se coloca en 29,7%, repetíndose a mesma situación de analizar os datos polos diversos intervalos etarios.

Os outros prazos do procedemento non son máis áxiles. Nesta dirección, os datos achegados polo Goberno estatal apuntan a que o tempo medio transcorrido desde a solicitude da axuda de dependencia até a resolución da prestación sitúase na Galiza en 370 días, superando en 44 días a media do Estado. Unha mostra importante do alcance nos atrasos é o número de persoas mortas durante este proceso.

A xestión das listas

O Observatorio da Dependencia recolleu no seu informe para 2022, o último elaborado e publicado en 2023, que na Galiza, “das 1.010 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación, 35,35% fixérono como consecuencia do falecemento da persoa e non pola xestión da comunidade autónoma". Nesta orientación, certificou que un terzo da redución da lista de agarda é pola morte das persoas en espera e non por medidas ou actuacións do Goberno galego para reducir estas listaxes.


A Valedora do Pobo denuncia a infradotación da dependencia

As queixas polo funcionamento do sistema de dependencia son unha constante na Galiza. Unha boa mostra disto son os informes anuais da institución da Valedora do Pobo, onde a dependencia é unha das áreas con máis reclamacións. Nesta caso, a maioría delas están relacionas cos atrasos nas valoracións, nas listas de espera, no pago das prestacións e na calidade ou nas condicións dos servizos.

O relatorio da Valedora do Pobo para 2022, o último presentado, denuncia en relación coa valoración da dependencia que “os atrasos continúan e nalgún caso son de consideración, polo que seguiremos atentos á necesidade de mellora. Comprobamos valoracións que se deron mal”.

A institución da Valedora do Pobo non ten dúbida sobre as causas desta situación. Nesta liña, sinala que “desde a posta en marcha do sistema de dependencia o problema que tratamos atópase directamente relacionado coa infradotación económica por parte das administracións, con diferente participación de cada unha delas”.