Galiza Nova presenta a sexta edición da Semana da Patria Galega

Manuel Agra, Marta Gómez, Alba Quiroga e Susana Sánchez (Foto: Nós Diario).
Marta Gómez, secretaria xeral da organización, resalta as "máis de 50 actividades ao longo e largo do país coas que animaremos a toda a mocidade galega a mobilizarse o vindeiro 25 de xullo".

A organización xuvenil do BNG presentou esta sexta feira a “Semana da Patria Galega”, que este ano chega á súa sexta edición, con máis de 50 actividades de todo tipo que terán lugar entre o 16 e o 23 de xullo en municipios ao longo e largo da Galiza.

Tal e como manifestou Marta Gómez, secretaria xeral da organización: “É unha demostración da boa saúde da que goza Galiza Nova e un motivo de orgullo que un ano máis poidamos estar presentando esta campaña”.

“Son máis de 50 actividades que van desde accións máis visuais até palestras formativas sobre cuestións de actualidade e que saen adiante grazas, única e exclusivamente, ao traballo de toda a militancia de Galiza Nova”, engadiu a secretaria xeral.

Altri, Palestina ou a oficialidade das seleccións galegas son algúns dos temas protagonistas desta campaña. “Ao final, como é en cada localidade onde deciden que actividades facer, cada un varre para a casa, mais si que é certo que hai varios temas que foron obxecto da nosa preocupación durante este ano e que serán temas centrais durante esta semana”, explicou.

“Por exemplo, haberá actos con axitación contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, palestras para concienciar sobre o xenocidio en Palestina e mesmo un partido de fútbol que xogaremos Galiza Nova contra o BNG para reclamar a oficialidade das seleccións galegas en todas as disciplinas deportivas”, engadiu Gómez. “Non haberá tanta calidade como na irmandiña, mais imos intentar que faga o saque inicial a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín”, sinalou.

A organización xuvenil, ademais, resérvase este ano o que normalmente sería o día inicial de comezo da Semana da Patria, xa que a segunda feira 15 de xullo presentarán o novo logo da organización nun acto que terá lugar en Vigo ás 11 horas da mañá.

“En decembro saímos da XVII Asemblea Nacional reforzadas e renovadas e queríamos acompañar esta nova etapa cunha nova imaxe, é algo no que levamos uns meses traballando e que queríamos que vira a luz ao comezo desta Semana da Patria”, afirmou a secretaria xeral.

O acto consistirá nunha breve presentación dese novo logo, na que contarán coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e que se completará cunha posterior xornada de convivencia “para coller forzas para os días que quedan até o Día da Patria Galega”.

Homenaxe a Rosalía e Castelao

A organización xuvenil do BNG tamén anunciou neste mesma sexta feira a súa tradicional homenaxe a Rosalía e Castelao, que como cada ano farán no parque de Santo Domingo de Bonaval, o 24 de xullo ás 17 horas.

Nesta ocasión contarán coas intervencións de Alba Quiroga, militante de Galiza Nova en Pontevedra; Marta Gómez, secretaria xeral da organización, e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. O acto estará amenizado pola actuación musical do grupo Pataghullos.

Unha vez rematado, farán unha ofrenda floral a Rosalía de Castro e Daniel Castelao no Panteón dos Galegos Ilustres. “Será, como todos os anos, a nosa pequena festa previa á grande festa popular que é o Festigal e o propio Día da Patria Galega, estamos moi contentas coa organización, seguro que as intervencións políticas son moi interesantes e teremos presente a nosa música tradicional da man dos Pataghulos”, concluíu Gómez.