Galiza é a penúltima comunidade do Estado en investimento en educación

Só Asturias inviste menos que Galiza en educación. (Nós Diario / Airef).

A Galiza é a segunda comunidade autónoma do Estado español cun menor investimento educativo. Segundo os datos que fixo públicos a pasada semana a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), o gasto educativo por habitante na Galiza ficou en 1.040 euros no ano 2023, 132 euros por baixo da media estatal, fixada en 1.172 euros por habitante.

 

 As cifras fornecidas pola Airef, organismo independente de control fiscal creado polo Goberno español a iniciativa da Comisión Europea, proceden da liquidación dos orzamentos de 2023 efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), órgano de control interno do sector público estatal e centro directivo e xestor da contabilidade pública, dependente do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno español. Nesta dirección, o gasto educativo recollido na liquidación do IXAE contabiliza os fondos destinados pola Administración para financiar todos os servizos nos diferentes niveis nos que se articula o ensino.

Só Asturias inviste menos que a Galiza

A Airef sinala que só Asturias inviste en educación menos que a Galiza, ao dedicar ao ensino 989 euros por habitante. Porén, nesa comunidade, os custos reais dos servizos educativos son máis reducidos que na Galiza, ao rexistrar un número moi inferior de núcleos de poboación e presentar unha realidade xeográfica cunha menor dispersión territorial. A este respecto, a Xunta da Galiza cifra en 800 millóns de euros anuais o sobrecusto xerado pola dispersión na prestación dos servizos básicos, correspondéndose o 29,5% desa contía coa educación.

A caída do investimento educativo real foi moi importante en 2023. Se na anualidade de 2022, Galiza superaba o gasto en educación por habitante de Castela-A Mancha en catro euros, de Castela e León en 31 euros, de Madrid en 83 euros e de Asturias en 102 euros, no último exercicio liquidado só fica por diante de Asturias. Asemade, o investimento caeu en tres euros por habitante en relación ao exercicio orzamentario de 2023, pasando de 1.043 euros en 2022 a 1.040 euros, nun período onde a alza da inflación alcanzou o 3,1%.

Á cola da UE

O panorama retratado pola Airef para 2023 coincide con outros estudos elaborados por organismos oficiais nos últimos anos. Así, o Regional Innovation Scoreboard (Índice de Innovación Rexional) da Unión Europea de 2022, último ano con cifras, sinala que ao longo da última década a Galiza rexistrou importantes retrocesos no campo do ensino e nomeadamente en parámetros como a educación básica. A Galiza figuraba neste indicador en 2016 entre as 100 primeiras rexións, concretamente no posto 96. Na actualidade, está de 149, cunha caída de 53 posicións. O norte de Portugal ocupa no ránking a praza 106, o que supón 43 posicións por diante da Galiza.

Os orzamentos da Xunta da Galiza de 2024 avanzan un deterioro da situación. Se na anualidade de 2023 a Consellaría de Cultura e Educación contaba cun presuposto de 2.795 millóns, nas contas públicas do actual exercicio dispón dun total de 2.858. Unha vez descontada a suba da inflación, a partida sofre unha caída de 150 millóns, confirmando a tendencia á baixa que arrancou en 2010, co primeiro orzamento de Alberto Núñez Feixoo