A Galiza rexistra 17 procedementos penais ao día por violencia machista

O fiscal Fernando Suanzes entregou a memoria da Fiscalía ao presidente do Lexislativo, Miguel Santalices (Foto: Parlamento da Galiza)
O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, ve "inasumíbeis" os casos de violencia contra as mulleres e avirte de que "non abonda" con medidas de protección. Así o dixo na presentación da memoria de 2020 da Fiscalía, ao tempo que remarcou que estatisticamente a ocupación de vivendas non é preocupante no país. 

O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, cualificou de "inasumíbeis" os casos de violencia contra as mulleres, con 17 novos procedementos penais cada día nos xulgados galegos, e instou a adoptar decisións ante o nivel de quebrantamento das medidas cautelares adoptadas no caso dos autores deste delito.

"É relativamente alto e hai unha tendencia á reiteración", indicou na súa comparecencia en comisión parlamentaria. Cifrou en 6.000 as denuncias por este tipo de violencia presentadas no ano pasado, con tres mulleres falecidas, e apelou á coordinación e á cooperación.

"Non basta coa adopción de medidas de protección", recoñeceu Suanzes, que, xunto a esta cuestión, alertou do aumento en "máis de 80%" das agresións sexuais sen acceso carnal a menores.

En alusión á memoria da Fiscalía correspondente ao ano pasado, considerou "preocupantes" os datos sobre delitos contra a liberdade sexual, pese ao descenso en 34% en 2020 dos incoados.

A Fiscalía non ve preocupante o nivel de ocupacións de vivendas na Galiza

Na súa exposición da memoria, remarcou que os delitos contra a integridade física son os que supoñen o maior número de ingresos nos xulgados. Xunto a esta cuestión, aludiu aos vinculados coa seguridade viaria e os relacionados coa sinistralidade laboral.

En resposta á deputada do PSdeG Paloma Castro sobre a ocupación de vivendas, o fiscal superior afirmou que "estatisticamente non parece" preocupante na Galiza, á marxe da percepción social sobre esta cuestión. Neste sentido, subliñou que desde a Fiscalía expóñense propostas como endurecer as penas para os casos de ocupacións vinculadas con "organizacións que se lucran" ou atenualas no de persoas vulnerábeis.

Pola súa banda, a deputada Paula Prado (PP) incidiu en que a ocupación "xera moitos problemas" e cualificou de "urxente" reformar a lexislación "para garantir a propiedade"

Aliás, o deputado do BNG Iago Tabarés alertou da "carencia de medios persoais e materiais" nas Fiscalías da Galiza.