Galiza rexistra 597 positivos nas últimas 24 horas

Proba de coronavirus a unha traballadora da sanidade (Imaxe: Europa Press)

Aumentan a 523 os pacientes con Covid hospitalizados, deles 77 en UCI

Os positivos por Covid-19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas foron 597, deles 155 na área de Vigo e 109 na de Pontevedra. Son case 200 menos que os contabilizados diariamente durante a pasada fin de semana -775 o domingo e 755 o sábado-.

Así se reflicte nos datos actualizados hoxe na páxina web da Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas do domingo, nos que se indica que na área sanitaria da Coruña e Cee detectáronse 104 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; 87 na de Ourense; 55 na de Santiago e Barbanza; 48 na de Ferrol e 39 na de Lugo.

Os casos activos elévanse a 9.292

En canto aos casos activos, descenderon nas áreas de Santiago e Barbanza, que conta con 1.360 -12 menos que este domingo- e na de Lugo até o 983 -tres menos-, mentres que aumentaron no resto.

En concreto, Vigo ten 2.072 -52 máis-; A Coruña, 1.575 -34 máis-; Ourense, 1.299 -23 máis-; Pontevedra e O Salnés 1.049 -55 máis- e Ferrol, 954 -24 máis-.

Até a data na Galiza realizáronse 700.353 PCR fronte ás 692.643 contabilizadas a xornada anterior.

Desde o inicio da pandemia contaxiáronse por Covid-19 na Galiza 37.966 persoas e leváronse a cabo, ademais, 401.091 probas serolóxicas.

Galiza rexistrou até o momento 923 falecidos con coronavirus Covid-19, os últimos nove notificados na tarde deste domingo, cinco deles procedentes de residencias de anciáns.