A Galiza rexistra un inusual fenómeno de auroras boreais

Aurora boreal sobre a ría de Vigo (Foto: David M.).
Actualmente, estase perto do máximo de actividade solar, polo que as auroras polares débense á presenza de partículas cargadas electricamente e expulsadas desde o sol (o vento solar), as cales actúan sobre os gases enrarecidos das capas superiores da atmosfera.

Diferentes puntos da xeografía galega rexistraron na noite desta sexta feira un fenómeno de auroras boreais que foi visíbel a latitudes moi baixas no hemisferio norte, ao desencadearse unha tormenta solar (xeomagnética).

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a aurora boreal (auroras polares do hemisferio norte) é un fenómeno de electricidade atmosférica (electrometeoro) "consistente nun fenómeno luminoso que aparece nas capas superiores da atmosfera en forma de arcos, bandas, cortinas, etcétera".

A axencia explica que, ao contrario que os fenómenos meteorolóxicos habituais, fórmanse moito máis arriba da troposfera, normalmente a unha altitude de entre 90 e 150 quilómetros.

"As auroras aparecen pola interacción entre o vento solar e o campo magnético da Terra. O vento solar é máis forte en momentos próximos á máxima actividade solar, que se produce en ciclos de entre 10 e 12 anos", conta a Aemet.

Máximo de actividade solar

Actualmente, estase perto do máximo de actividade solar, polo que as auroras polares débense á presenza de partículas cargadas electricamente e expulsadas desde o sol (o vento solar), as cales actúan sobre os gases enrarecidos das capas superiores da atmosfera. Así, desencadéase unha tormenta xeomagnética, o que permite percibir auroras desde latitudes máis baixas.