Galiza sitúase por baixo da media do Estado en persoal médico e de enfermaría

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez (terceiro pola dereita), nunha visita onte ao centro de saúde de Ortigueira. (Foto: Xunta da Galiza).

O Consello Económico e Social da Galiza (CES) alerta na súa 'Memoria sobre a situación económica e social de 2023', presentada a semana pasada, sobre a caída do investimento en Atención Primaria e reclama á Xunta da Galiza máis recursos para dar resposta ás necesidades sanitarias da poboación.

O escaso investimento sanitario do Goberno galego preocupa ao Consello Económico e Social da Galiza (CES). O órgano consultivo, na súa preceptiva Memoria sobre a situación económica e social da Galiza, presentada o día 23 de xullo na Cámara galega, alerta da “perda peso no total” do orzamento de Atención Primaria de 2024, cuxa contía está sete puntos por baixo das contas de 2009, as últimas presentadas polo Goberno de coalición entre PSdeG e BNG.

Os fondos destinados pola Xunta da Galiza á Atención Primaria en 2023 son 264 millóns de euros inferiores, unha vez descontada a inflación, ao exercicio 2008. Se nesa anualidade o investimento do Goberno galego no primeiro nivel asistencial situouse en 1.437 millóns de euros e no período transcorrido até 2023 o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) medrou o 28,6%, o orzamento dese último ano debería alcanzar os 1.847 millóns de euros para situarse na cifra de 2023. Porén, o Executivo de Alfonso Rueda destinou a Atención Primaria na pasada anualidade 1.583 millóns de euros.

O  CES reclama ao Goberno galego máis medios económicos para a sanidade. Así, “considera que a Atención Primaria constitúe unha parte esencial da sanidade por ser a porta de entrada no sistema, polo que é preciso que conte con recursos humanos e materiais suficientes, así como cunha mellora na organización”. Na mesma dirección, entende que “cubrir as necesidades sanitarias obriga a unha cada vez maior dotación de recursos, fundamentalmente nos territorios con elevados niveis de envellecemento da poboación e por tanto cun maior gasto sanitario per cápita”.

Galiza é a segunda comunidade do Estado cun menor investimento sanitario. Segundo os datos achegados pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), organismo dependente do Ministerio de Facenda, procedentes da liquidación dos orzamentos de 2023, o gasto sanitario por habitante na Galiza ficou en 1.817 euros no ano 2023, é dicir, 38 euros por baixo da media estatal, fixada en 1.855 euros por habitante. Os custos varían en función das diversas variábeis demográficas e xeográficas dos territorios.

As cifras fornecidas pola IXAE sinalan que só Andalucía inviste en sanidade menos que a Galiza, ao dedicar aos servizos de saúde 1.634 euros por habitante. Ao tempo, certifican que Madrid superou a Galiza en investimento sanitario por habitante en 2023, ao alcanzar os 1.828 euros por residente ao ano. Se en 2022, a comunidade madrileña destinaba á sanidade 1.709 euros por habitante e en 2021 1.640 euros, Galiza dedicaba na primeira das anualidades 1.727 euros e na segunda 1.691 euros. Neste punto, a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso amosa un maior compromiso investidor en materia de saúde que a dirixida por Alfonso Rueda.

O relatorio do CES destaca que os custos reais dos servizos sanitarios son máis elevados na Galiza que na media do Estado, ao contar o país cunha poboación máis envellecida e cunha realidade xeográfica territorialmente máis dispersa, que suma o 37,1% do total das entidades da poboación do espazo estatal. Nesta liña, concreta que “o índice de envellecemento, definido como a relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos, mostra que en 2023 residen na Galiza ao redor de 173 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20, fronte a 109 de media no Estado” español.

A dispersión é outro elemento chave para fixar o custo sanitario. A este respecto, a Xunta da Galiza cifra en 800 millóns anuais o sobrecusto xerado pola dispersión na prestación dos servizos básicos, correspondéndose o 62,5% desa contía coa sanidade. Na mesma liña, o Goberno galego apunta que unha médica ou médico de Atención Primaria na Galiza atende de media a poboación de máis de 15 núcleos singulares, cando a media do Estado indica que atende dous.

Máis investimento

O CES reclama á Xunta da Galiza máis investimento para incrementar o persoal médico e de enfermaría no sistema sanitario galego. A este respecto, indica que “a porcentaxe de médicos e médicas por 100.000 habitantes é moi inferior na Galiza que na media do Estado (478 en Galiza, 507 na media estatal), ao igual que de enfermeiros e enfermeiras (513 na Galiza, 619 no Estado)”. "Se a isto engadimos unha poboación máis envellecida no caso galego, o CES entende que se deberían aplicar os fondos necesarios para equilibrar esta ratio”, engade.

O relatorio confirma unha redución dos cadros de persoal de Medicina en Atención Primaria. Así, "respecto ao número de médicos de familia, este é un 1,8% inferior ao número medio rexistrado no ano anterior (2.512 de media diaria); pola contra o número medio de enfermeiras e enfermeiros é un 2,8% superior ao do ano 2022)”. Ademais, 243 das 2.467 prazas médicas de Atención Primaria permanecen vacantes. 133 delas atópanse nesa situación con carácter permanente por non dispor de titular e as 110 restantes temporalmente por ausencia do profesional adscrito á mesma.

A idade media dos cadros de persoal de Medicina en Atención Primaria é moi elevada e é outro motivo de preocupación, tras recoñecer o Segas que 1.088 profesionais en exercicio nos centros de saúde da Galiza superan os 60 anos.

O ano 2023 finalizou con 257.308 persoas nas listas de espera sanitarias

O Consello Económico e Social da Galiza (CES) analiza con preocupación as altas listas de espera e o excesivo tempo de agarda no sistema sanitario galego. Neste liña, asevera que o “elevado tempo de agarda para acceder a determinados servizos do sistema sanitario continúa a ser un dos principais problemas do mesmo” A este respecto, considera que “reducir estas listas é prioritario para o CES, xa que non só prexudica o enfermo ou enferma, senón que ten repercusións sobre as actividade das empresas e sobre o erario público”.

A Memoria sobre a situación económica e social da Galiza 2023 recolle que “o tempo medio de agarda nas consultas externas sitúase no ano 2023 en 73,4 días, constatando un empeoramento nas especialidades que tratan as enfermidades mentais, Neuroloxía en 75,5 días (59,1 ano 2022) e en Psiquiatría 73,2 días (50,4 ano 2022)”. Nesta orientación, “o CES considera moi preocupante esta tendencia e demanda que se doten os medios necesarios para reducilas”. Asemade, “en relación coa lista de espera estrutural cirúrxica” urxe “intensificar os esforzos para acelerar a redución destas cifras, especialmente nas patoloxías catalogadas como de prioridade 2”.

O relatorio do CES sinala que ao remate de 2023 un total de 45.027 persoas agardaban por unha cirurxía na Galiza. Porén, a este colectivo compre sumar o daqueles pacientes incluídos nas listas de espera non estrutural, dos que a Xunta da Galiza non publica datos. Ao tempo, 212.281 persoas esperaban por unha consulta nos hospitais das áreas sanitarias galegas.