O Goberno galego concede a Medalla Castelao ao presidente de Hotusa, organizador do Foro co nome deturpado “La Toja”

López Seijas na inauguración dunha edición do Foro A Toxa (Foto: Europa Press)

Amancio López Seijas, natural de Chantada, preside o grupo turístico.

Entre as persoas anunciadas por Alfonso Rueda esta segunda feira como merecedoras dunha Medalla Castelao está Amancio López Seijas, empresario de Chantada (comarca homónima) e presidente de Hotusa, grupo turístico con catro décadas de existencia e presenza internacional.

Hotusa é, tamén, o organizador do Foro de La Toja, co topónimo da illa da Toxa (O Grove) deturpado, e que se presenta como “un espazo para a reflexión e a defensa dos valores que definen as nosas sociedades democráticas”. A edición deste ano será en outubro, de 3 a 5, co lema “Novos civlos polítcos e nova normalidade”.

Entre os relatores confirmados está o presidente galego, Alfonso Rueda, o ex presidente español, Mariano Raxoi, ou Fátima Báñez, ex ministra de Emprego.

O uso do topónimo deturpado para designar ese encontro xerou nestes anos mobilizacións e rexeitamentos.

O topónimo galego “é a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente”, lembraba na primeira edicion desta cita a Nós Diario a Real Academia Galega, que “como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece esta forma e lamenta que se empregue deturpada”.

Na mesma liña, e tamén naquela altura, o Consello da Cultura Galega aseguraba que serían de agradecer manifestacións explícitas no marco do propio foro facendo ver o mal uso de "La Toja".

 “A prol da diversidade lingüística cultural sería importante que alí se desatacase que ese lugar ten un topónimo oficial e autóctono, que é A Toxa”. E engade que “o uso da toponimia oficial está fixado por lei e os ámbitos nos que hai que empregala e demostrar un respecto máximo tamén están estabelecidos”.

A Mesa pola Normalización Lingüística, pola súa parte, mantívose activa nestes anos denunciando a deturpación e convocado mobilizacións na Toxa por este motivo.

Ademais, en 2020 , o sindicato CIG acusa o consorcio hoteleiro Hotusa, un dos máis importantes do Estado, de despedir nun mes oito traballadoras e traballadores das oficinas que Restel (a súa central de reservas) ten en Chantada. En cinco destes despedimentos, afirma a central, a empresa pon como “escusa a baixada nas reservas e as cancelacións que está a provocar a expansión do Covid-19”.