A MAIORÍA, A DEDO

Grupos dirixidos por cargos do PP acaparan as axudas a Venezuela

Imaxe da visita de Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, ao Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela.

Na práctica, son tres asociacións dirixidas por cargos do PP as responsábeis legais de identificar que emigrantes poden recibir asistencia da Xunta e de entregarlles esa axuda, medicamentos por exemplo. Así o estabelecen os convenios asinados discrecionalmente por Emigración, convenios aos que tivo acceso Sermos Galiza. Eis un extracto da información publicada no papel.

Tres das asociacións de emigrantes que máis axudas reciben da Xunta están dirixidas por venezuelanos directivos do PP ou candidatos desta formación política. En realidade, estas tres asociacións acaparan a práctica totalidade da asistencia pública galega a Venezuela.

 

Dos últimos 30 convenios da Xunta con entidades venezuelanas, 27 foron asinados con estas asociacións dirixidas por cargos ou candidatos do PP. O responsábel de outorgar este diñeiro –a maioría del discrecionalmente– é Antonio Pérez Miranda, que é secretario xeral de Emigración e asemade coordinador de Acción Exterior na directiva do PPdeG.

 

No organigrama conservador, José Antonio Alejandro González é vogal polos residentes ausentes de Venezuela e tamén foi cabeza de lista do PP nas últimas eleccións ao Consejo de Residentes Españoles. Alejandro compatibiliza a política co cargo de secretario xeral da Hermandad Gallega de Venezuela.

 

A oficina da Xunta en Caracas, onde as galegas e galegos tramitan axudas públicas, está na sede da Hermandad. Emigración concede anualmente á Hermandad non só subvencións (repartidas con publicidade e competencia), senón tamén convenios (axudas directas e discrecionais, a dedo). Sermos accedeu ao texto de varios deses convenios.

 

Por exemplo, en marzo a Hermandad recibiu 20.000 euros nun convenio precisamente para o “mantemento dunha oficina de información e asesoramento en Caracas”. Este outubro a Xunta ampliouno até os 35.000 euros.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 280 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]