Tres das asociacións de emigrantes que máis axudas reciben da Xunta están dirixidas por venezuelanos directivos do PP ou candidatos desta formación política. En realidade, estas tres asociacións acaparan a práctica totalidade da asistencia pública galega a Venezuela.
Dos últimos 30 convenios da Xunta con entidades venezuelanas, 27 foron asinados con estas asociacións dirixidas por cargos ou candidatos do PP. O responsábel de outorgar este diñeiro –a maioría del discrecionalmente– é Antonio Pérez Miranda, que é secretario xeral de Emigración e asemade coordinador de Acción Exterior na directiva do PPdeG.
No organigrama conservador, José Antonio Alejandro González é vogal polos residentes ausentes de Venezuela e tamén foi cabeza de lista do PP nas últimas eleccións ao Consejo de Residentes Españoles. Alejandro compatibiliza a política co cargo de secretario xeral da Hermandad Gallega de Venezuela.
A oficina da Xunta en Caracas, onde as galegas e galegos tramitan axudas públicas, está na sede da Hermandad. Emigración concede anualmente á Hermandad non só subvencións (repartidas con publicidade e competencia), senón tamén convenios (axudas directas e discrecionais, a dedo). Sermos accedeu ao texto de varios deses convenios.
Por exemplo, en marzo a Hermandad recibiu 20.000 euros nun convenio precisamente para o “mantemento dunha oficina de información e asesoramento en Caracas”. Este outubro a Xunta ampliouno até os 35.000 euros.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 280 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]