Haberá cambios nas viaxes do Imserso?

Autobuses (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
"Estamos nun momento de avaliación do que se fixo até o de agora e seguramente de introdución dalgúns cambios, mais imos esperar un pouco", sinalou Mayte Sancho.

A directora do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), Mayte Sancho, avanzou que terá lugar unha reunión nos próximos días para decidir que facer sobre o programa de turismo do ano seguinte, até o punto de afirmar que "seguramente" se procederá á introdución "dalgúns cambios".

"Estamos nun momento de avaliación do que se fixo até o de agora e seguramente de introdución dalgúns cambios, mais imos esperar un pouco", sinalou Sancho en declaracións ao medio dixital 65ymás, nas que tamén afirmou que "se está analizando todo o funcionamento do concurso de viaxes".

Así, a máxima responsábel do programa, que chegou ao cargo o pasado mes de decembro, admitiu que a tempada actual tivo "algúns problemas de ateigamento de hoteis de catro e tres estrelas". Con todo, destacou que o índice de satisfacción "segue sendo altísimo", mais sinalou que "o nivel de exixencia é que se cumpra co estabelecido na licitación que se concedeu". Para esta última afirmación, Sancho espera responder "enseguida" se se cumpriu ou non.

En marzo, a directora do Imserso xa recoñeceu que o programa de turismo necesita dunha "reflexión en profundidade" xa que "hai interrogantes aos que se debería dar resposta". Nesta liña, destacou tres posíbeis melloras para o concurso: "Abrir as viaxes para que respondan ás novas demandas da sociedade, respectar o mantemento de emprego que xeren as viaxes e adaptar as viaxes aos diferentes grupos de poboación".

Críticas do sector e dos sindicatos

As condicións e o contido do programa social de turismo está a recibir criticas por parte do sector, e é que as asociacións Acave, Fetave e UNAV piden "solucións urxentes" que axuden ás axencias de viaxes a dar resposta aos "problemas" na adxudicación do programa, debido á caída da web de Turismo Social, á falta de prazas en destinos como Andalucía, Canarias e Balears, e á baixada de categoría dalgunhas prazas hoteleiras.

Pola súa parte, a Confederación Española de Axencias de Viaxes (CEAV) trasladou "certa inquietude" con respecto ao concurso por, entre outros motivos, que "o número de prazas licitado dista moito da cantidade que se licitaba hai anos, polo que as axencias enfróntanse a pouca oferta cunha demanda crecente".

Ademais, UXT sumouse ás críticas, denunciando que as viaxes programadas este ano "son un absoluto fracaso e unha auténtica tolemia" porque a empresa concesionaria, o grupo empresarial Ávoris, "non está a cumprir co que ofertou", e anunciou que exixirá un novo concurso de licitación.

Respecto ás críticas de falta de prazas do Imserso, o director xeneral de Ávoris, Juan Carlos González, afirmou nun foro que tiñan compromiso en programar "moitas máis prazas desde distintas orixes", polo que "pode ser que algunha das capitais importantes teña menos prazas, mais tamén haberá provincias como Albacete ou Cuenca que nunca tiveron máis que agora". "Xa nos criticaban e iamos perder todos os lotes nos recursos, agora critícannos porque a venda foi mal e logo volverannos a criticar na operación", lamentou o directivo de Ávoris.