A hostalaría retoma a actividade, mais con limitacións

A hostelaría reabre nas sete cidades e no resto de concellos con restricións (Foto: Europa Press)
Galiza comeza a recuperar a súa actividade, suspendida hai un mes nas sete cidades e en medio cento de concellos máis ante o brusco aumento de casos de Covid-19. Farao seguindo o plan dado a coñecer hoxe pola Xunta, que prevé unha reapertura escalada e parcial da hostalaría en función da situación de cada concello e a recuperación dos contactos sociais entre persoas non conviventes, limitados, polo momento, a un máximo de seis ou catro persoas

Xunta comezará a aplicar desde esta sexta feira o plan para relaxar de forma gradual as restricións máis severas impostas hai un mes diante do empeoramento da situación sanitaria en boa parte do territorio galego. 

Anunciouno esta cuarta o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, quen apelou á mellora de "practicamente todos os parámetros" epidemiolóxicos para apoiar a decisión, que se porá en marcha de forma diferenciada segundo os datos sanitarios de cada poboación, coincidindo coa ponte de decembro. "A incidencia non é homoxénea en todo o territorio e as medidas non poden ser idénticas", xustificou.  

Nese "desconfinamento" estabelécense catro niveis de limitacións que atinxen á actividade hostaleira –que poderá abrir até as 17 horas ou as 23, segundo o nivel do concello, e con diferentes límites de ocupación– e tamén ás reunións interpersoais, xa que as interaccións abren a persoas non conviventes, con máximos de entre catro e seis, dependendo da situación epidemiolóxica do concello, e á mobilidade entre municipios, mais sen cambios no horario límite para a actividade nocturna –que se mantén nas 23 horas–, a actividade comercial –até 50% da capacidade do local –ou o transporte colectivo.

Por niveis

Desta maneira, a reapertura de bares, cafetarías e restaurantes permítese desde esta sexta feira en todos os niveis de restrición, se ben con diferencias. O nivel máis permisivo iguala as condicións dos municipios con menor incidencia do coronavirus, que rexían antes das restricións reforzadas impostas o 7 de novembro en boa parte do territorio, coa hostalaría aberta até as 23 horas, en grupos máximos de seis persoas non conviventes, e cunha limitación de 50% da capacidade no interior dos negocios e de 75% nas terrazas

Aplicaranse en Compostela, Ames e Teo e en Ourense, Barbadás e Pereiro de Aguiar, zonas  onde tamén se recupera a liberdade de mobilidade, e tamén na  Estrada e en Ares, por teren unha incidencia acumulada a 14 días por debaixo dos 100 casos por 100.000 habitantes nos municipios de máis de 10.000 persoas, e dos 150 nos de menos. Os concellos neste nivel son os únicos que reabren o tránsito libre de entrada e saída, no caso de existir confinamento perimetral. 

Ao segundo nivel de restricións acceden as localidades cunha incidencia a 14 días de até 150 nos concellos de máis de 10.000 habitantes, e entre 150 e 250 nos de menos, o que inclúe A Coruña e os concellos da súa contorna Coruña –Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo–, Burela, Laxe, Silleda, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade. Sen cambios nas restricións de mobilidade, neles a hostalaría poderá funcionar até as 23 horas con grupos de até seis persoas, e con limitacións a 50% da capacidade da terraza e 40% do interior do negocio. 

O terceiro chanzo, de restrición media-alta, pauta as normas para os municipios cunha incidencia a 14 días de entre 150 e 250 casos por 100.000 –ou máis de 250, no caso dos núcleos de menor tamaño–. Neles, a hostalaría poderá empezar a funcionar, mais unicamente até as 17 horas, con grupos de non máis de catro membros e cunha ocupación máxima de 40% en terraza e 30% no interior. Inclúense neste grupo Ferrol, xunto con  Fene e Neda, que teñen limitada a mobilidade perimetral; o perímetro que comprende Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar; Vilagarcía e mais Vilanova; o que forman Coristanco, Cabana de Bergantiños, Malpica e Ponteceso; o conxunto de Meis, Meaño e Ribadumia, e o de Cee, Dumbría, Muxía, tamén de forma conxunta. As mesmas medidas aplicaranse en Lugo, Lalín, Cangas, Oroso, A Guarda, Vimianzo, Ribadavia, Xinzo e Vilaboa.

No máximo nivel de restricións, que se reserva a municipios cunha incidencia acumulada a 14 días igual ou superior a 250, a hostalaría tamén terá limitada a apertura ás 17 horas con grupos de até catro persoas e unicamente poderá abrir a terraza, cunha capacidade limitada a 50%. Así ocorrerá desde esta fin de semana en Tui, Ponteareas, Moaña, Vilalba, Narón, Redondela, Porriño, Cambados, e As Pontes, e nos conxunto formados por Pontevedra, Poio e Marín; O Grove e mais Sanxenxo, e Carballo coa Laracha.

"O reto é baixar a curva sen ter que dar pasos atrás, non volvendo ás restricións, senón polo comportamento individual de cada un", sinalou Feixoo, quen observou porén que a Xunta "aplicará as limitacións que sexan necesarias en cada momento e lugar". "Se hai concellos nos que a curva volva a despegar, volveríamos a ter que fechar aínda que esteamos en Nadal", avisou.

Se queres seguir a ler esta nova só tes que acudir ao quiosque ou á nosa tenda online para mercar o Nós Diario de mañá. Tamén tes a opción de facer a subscrición agora mesmo!