A Iniciativa Lexislativa Popular "Liberemos a Galega!" reclama a "democratización" da CRTVG

Tareixa Navaza (centro) con representantes dalgúns dos colectivos e entidades que apoian a ILP. (Foto: Arxina)
As promotoras da iniciativa lexislativa formalizaron esta cuarta feira a ILP no rexistro do Parlamento. 

Democratizar a CRTVG  e acabar co seu secuestro polo poder político. Estes son os dous obxectivos que impulsan a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) "Liberemos a Galega!", rexistrada esta cuarta feira no Parlamento galego e que apoian 40 organizacións a través da Plataforma en Defensa da CRTVG. Entre as propostas que contempla, varia o modelo de escolla do director xeral do ente público ou adoptar ferramentas que garantan unha "información veraz" nos medios públicos.

"Os medios públicos non pertencen ao Goberno, son da cidadanía e están ao servizo deste país". Así se expresou a veterana xornalista Tareixa Navaza após formalizar a ILP no rexistro da Cámara Galega. "Precisamos 10.000 sinaturas", indicou a que tamén é portavoz da plataforma de 40 colectivos e entidades que impulsa esta iniciativa lexislativa popular, entre elas o comité intercentros da radio e televisión públicas galegas e a asemblea de traballadoras das mesmas. "Aos meus 77 anos son optimista e sei que imos reunir moitas máis" [sinaturas].

Navaza, con Xurxo Souto ou Manuel Pampín, entre outros, integra a comisión promotora desta ILP. Criticou con dureza o proceder do Goberno galego cos medios públicos galegos. "Non inventan nada, isto xa se fixo en Alemaña en 1933 co Ministerio de Propaganda" de Joseph Goebbels, afirmou. Puxo como exemplo dese proceder, o feito de que o xefe de Informativos da Radio Galega reproducise as críticas do PP contra o Consello da Cultura Galega polo seu informe sobre Altri. "Os traballadores están sometidos a unha presión brutal", denunciou.

Propostas

A Iniciativa Lexislativa Popular  recolle unha serie de medidas  para evitar que se perpetúe unha situación nos medios públicos que implica, en palabras de Navaza, "tronzar a democracia". Así, proponse un novo modelo de escolla do director xeral da CRTVG. Este sería electo mediante un concurso público e por 3/5 do parlamento galego. Cando remate o mandato. só podería exercer un máis; evitando así a perpetuación no cargo, "como Alfonso Sánchez Izquierdo" [actual director xeral e que leva no posto desde 2009, coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta da Galiza]. 

Para garantir a "información veraz, obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade" pídese activar o Consello de Informativos, así como que os medios públicos galegos sexan "un reflexo do pluralismo que existe na Galiza". Ligado a este punto está a proposta de que se "garanta" o acceso da cidadanía á CRTVG.

Recuperar a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais; promover e defender a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura; ou fomentar a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero, son outras das demandas recollidas. Tamén o fomento da produción propia, sendo "motor da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores". As sinaturas recolleranse "por todo o país nas vindeiras semanas", con especial incidencia en outubro, informou Navaza.

Organizacións asinantes

A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGTGalicia, Vía Galega.