Persoal da CRTVG rexeita o anteproxecto da lei de medios, "unha antidemocrática máquina de propaganda ao servizo do PP"

Plató 300 de la CRTVG. (Foto: CRTVG)
As traballadoras dos medios públicos prevén mobilizacións para enfrontar as graves ameazas que agocha un anteproxecto que estabelecería por lei "a utilización espuria de caudais públicos para satisfacer intereses partidistas e privados".

O persoal da Corporación de Radio-Televisión da Galiza ratificou por unanimidade esta terza feira, en asembleas, "a frontal oposición ao anteproxecto de lei da Xunta para os medios públicos de comunicación audiovisual que xa avanzara en agosto o Comité Intercentros.

As traballadoras concordan en que este anteproxecto é unha "burla á democracia que, de prosperar, transformaría definitivamente a radio e a televisión públicas de todos os galegos e galegas no maior órgano de propaganda do Partido Popular, sen contrapoder algún e financiado cos cartos de todas e todos".

No transcurso das asembleas, as traballadoras da CRTVG pularon pola posta en marcha de mobilizacións e outras iniciativas para intentar paralizar, xunto cos colectivos e organizacións que tamén manifestaron publicamente a súa oposición a este anteproxecto, o que consideran un gravísima modificación lexislativa coa que o Goberno da Xunta, en mans do PP.

A Xunta xa non disimula a clara intención de acabar por externalizar o pouco que aínda se produce con medios e profesionais propios

Segundo expoñen nun comunicado, este iniciativa "pretende conseguir de vez o que ningún goberno autonómico se atreveu a aplicar de xeito tan descarado e basto na recente historia democrática: a utilización espuria de caudais públicos para satisfacer intereses partidistas e privados".

Control dos medios

O Comité Intercentros xa advertira que confrontaría o anteproxecto cunha mobilización intensa para evitar que poida ir adiante unha proposta que recorre ás maiorías simples para a elección da persoa que ocupe a Dirección Xeral, dos membros do consello de administración ou para a aprobación do mandato estratéxico, que marcará a folla de ruta dos medios públicos.

O anteproxecto, en opinión do Intercentros, resólvelle ademais á dirección actual as limitacións que tiña para "nomear persoal de alta dirección a esgalla ou para facer contratacións artísticas a dedo que esquiven o mérito, a igualdade e a capacidade no acceso ao emprego público".

O comité de empresa considera unha "tomadura de pelo" a creación do chamado Consello Asesor de Participación Social e Profesional, "entidade fraudulenta coa que o Partido Popular pretende lavar a cara cun verniz democrático pero que, no fondo, reforzará o control dos populares sobre a sociedade pública autonómica".

Calidade informativa

As traballadoras da CRTVG consideran intolerábel tamén a desaparición das figuras do Consello de Informativos e do Estatuto Profesional que contempla a lei en vigor, que por unha dilación premeditada por parte do Consello de Administración actual nunca chegaron a crearse.

"O anteproxecto substitúe estas figuras, que poderían axudar a erradicar a manipulación informativa e protexer ás xornalistas", aseguran. O texto tampouco recolle garantía algunha para manter a xa escasa produción propia, nin blinda o mantemento dunha estrutura de delegacións territoriais mínima para satisfacer a encomenda de cobertura informativa de todo o país, salientan.

Esta gravísima modificación suporía un punto de non retorno nos avances conseguidos a prol da lingua galega ou estocada de morte definitiva dos medios públicos do país

"Porén desaparece a prohibición de ceder a terceiros os servizos informativos que si recolle a actual lei, unha supresión que xa non disimula a clara intención da Xunta de acabar por externalizar o pouco que aínda se produce con medios e profesionais propios da CRTVG".

Outras linguas

O persoal da CRTVG amósase especialmente preocupado ante a posibilidade que lle abriría a nova lei á Corporación de emitir contidos en linguas distintas ao galego, "unha posición política claramente aliñada co bilingüismo que defende o Partido Popular" e que o anteproxecto xustifica na escusa de poder "dar a coñecer a identidade cultural da Galiza fóra do territorio da comunidade autónoma".

"Esta gravísima modificación suporía un punto de non retorno nos avances conseguidos a prol da lingua galega desde a posta en marcha do Estatuto de Autonomía e a desnaturalización ou estocada de morte definitiva dos medios públicos do país, que perderían aos poucos ou de vez a súa principal razón de ser para transformarse nunha mera plataforma máis de contidos audiovisuais en español", denuncian as traballadoras.

'A Revista', desaparece

A representación do persoal aproveitou as asembleas tamén para convocar ás traballadoras a participar nunha concentración contra a externalización cadrando coa estrea do novo programa O Termómetro, que vén cubrir o espazo da grella e información que durante décadas ocupou A Revista, "e que de facto supón a privatización dun espazo informativo marca da programación da televisión pública, realizado agora en coprodución con dúas produtoras audiovisuais, mesmo chegando a acoller traballadoras externas nas instalacións da CRTVG".