Inauguran un novo treito da maior Vía Verde da Galiza, con 24 quilómetros, e proxectan que teña 36

Comezo da andaina popular. (Foto: Nós Diario)
Este tramo vai desde Cerceda até Oroso.

A Deputación da Coruña inaugurou este domingo o tramo de Cerceda-Oroso da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle, a de maior lonxitude de Galiza, que se estenderá proximamente até Santiago de Compostela.

No acto, que se completou cunha andaina e unha marcha cicloturista popular para dar a coñecer esta nova infraestrutura que discorre sobre o antigo trazado do ferrocarril entre Santiago e Cerceda, participaron o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso; o deputado responsábel da área de Cultura, Xurxo Couto, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns; os alcaldes de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso; así como outros persoeiros públicos.

“Hoxe é un día histórico, non só para os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso senón para toda a Galiza”, afirmou Formoso, que explicou que este proxecto “naceu hai 14 anos, pero quedou aparcado nun caixón e non se retomou até 2017”, cando PSdeG e BNG chegaron ao goberno da Deputación da Coruña.

Formoso apuntou que a institución “xa está mans á obra para rematar o proxecto inicialmente planificado e completar os 10 quilómetros que faltan para unir estes municipios coa capital da Galiza, Santiago de Compostela”.

Este último tramo da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle terá exactamente 12 quilómetros de lonxitude e permitirá completar un itinerario de máis de 36 quilómetros de sendas sobre as antigas vías do ferrocarril.

Andaina popular

A pesar da chuvia, máis de 600 as persoas de todas as idades participaron na andaina e marcha cicloturista popular organizada para inaugurar este treito da Vía Verde que vai de Cerceda a Oroso.

As participantes saíron da estación de Queixas-Londoño, en Cerceda, e finalizaron na estación de Sigüeiro, en Oroso, cun percorrido total de 24 quilómetros e pasando pola estación A Pontraga de Ordes e a Estación de Trasmonte en Oroso.