O incendio nunha nave de subministracións agrícolas en Tomiño fica controlado

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
A pesar de que os equipos de intervención se retiraron tras darse por controlado o incendio, a central de emerxencias detallou que membros do GES A Guarda se desprazaron ao momento para sufocar e controlar algún foco e evitar a súa propagación até a súa completa extinción.

O incendio que se iniciou o sábado nunha nave de subministracións agrícolas en Tomiño (Baixo Miño) está controlado e, por conseguinte, a Xunta da Galiza desactivou o Plan de Emerxencias Territorial da Galiza (Platerga).

Segundo informou o 112, o incendio ocasionou importantes danos materiais xa que o lume calcinou por completo o invernadoiro e todo o que había no interior. Ademais, a nave tamén sufriu danos considerábeis e un bombeiro tivo que ser atendido polo persoal sanitario xa que estaba ferido de maneira leve.

No operativo participaron os Bombeiros do Baixo Miño, do Morrazo, do Porriño, do Salnés e de Ribadumia, así como os chegados de Portugal (de Caminha e Valença), o GES da Guarda e o de Mos, medios do Servizo de Extinción de Incendios, a Garda Civil e Protección Civil.

A pesar de que os equipos de intervención se retiraron tras darse por controlado o incendio, a central de emerxencias detallou que membros do GES A Guarda se desprazaron ao momento para sufocar e controlar algún foco e evitar a súa propagación até a súa completa extinción.

Gran despregamento

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, explicou este sábado que se desprazou até o lugar onde actuaba un gran despregamento operativo para apagar o incendio, cunha decena de camións de bombeiros. Así, relatou que "non hai feridos, só danos materiais", mais "está moi queimada a nave". O lume chegou a "unha pequena zona forestal" adxacente.

Corte na estrada

Pasadas as 19 horas do sábado, o 112 indicaba que os equipos de extinción mantiñan o incendio cun fechamento do perímetro, aínda que por momentos collía "forza nos puntos onde se atopan os produtos fertilizantes". Ademais, debido ao lume, foi necesario interromper a circulación de vehículos por un carril na estrada PO-552 (Vigo-Tui), no quilómetro 66.