O informe do Consello da Cultura sobre Altri desmente os anuncios da empresa: obrigaría a plantar até 190.000 hectáreas máis de eucalipto

Teresa Nieto, Rosario Alvarez e EduardoCorbelle. (Foto: CCG).

Segundo revela o estudo,moi severo co proxecto Gama, Altri crearía un máximo de 554 empregos directos e indirectos, 1.946 menos dos avanzados pola factoría e a Xunta da Galiza.

"Á luz dos estudos realizados no marco deste informe considera que a instalación do proxecto Gama produciría unha grave fractura no territorio, no que introduce un elevado grao de incerteza sobre a evolución futura e a viabilidade da recomposición do contexto social e territorial".

Esta é unha das conclusións do Informe sobre o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas elaborado por unha decena de expertos de diferentes ámbitos reunidos polo Consello da Cultura Galega (CCG) sobre a instalación que a empresa portuguesa Greenfiber (Altri) quere implantar en Palas de Rei (A Ulloa).

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou o estudo xunto á coordinadora da Comisión técnica temporal creada para a súa elaboración, Teresa Nieto, e o coordinador técnico do informe, Eduardo Corbelle.

"A decisión de implantar unha fábrica de fibras téxtiles non responde nin a un plan territorial nin a un plan industrial que fosen avaliados ambientalmente", expón o informe no inicio das súas conclusións.

O traballo apunta que a xustificación da declaración como Proxecto industrial estratéxico se apoia en aspectos de carácter económico e que a análise realizada a partir dos datos do expediente non concorda co anunciado polos promotores.

Menos emprego

Segundo a análise coordinada por Ana Isabel García Arias e Edelmiro López Iglesias que se incorpora no informe, o número de empregos directos que se crean nesta primeira fase estímanse "entre 161 e 281, a metade dos anunciados".

A factoría de Altri crearía un máximo de 554 empregos directos e indirectos, 1.946 menos dos avanzados pola empresa e a Xunta da Galiza. "Xerará un máximo de 281 empregos directos (postos de traballo equivalentes a tempo completo), 343 empregos totais (directos e indirectos) nas catro comarcas da área de influencia e 544 empregos totais (directos e indirectos) no conxunto da economía galega", sinala.

Por outra parte, "os impactos indirectos só serían para empresas situadas fóra da Galiza", polo que "o proxecto tería un impacto moi reducido na economía galega", e nese cálculo só o 25% se produciría nas zonas de influencia.

O traballo analiza tamén o impacto negativo da  celulosa proxecta por Altri na economía das zonas próximas a onde esta previsto o seu emprazamento. Nesta dirección, desvela que "as comarcas da Ulloa, Deza, Terra de Melide e Arzúa teñen unha estrutura económica diversificada e unha dinámica demográfica e económica relativamente favorábel no contexto do rural galego" e alerta do "impacto sobre a cadea agroalimentaria, que pode darse por dúas vías: a competencia do previsible incremento do uso forestal das terras cos usos agrarios do solo para as explotacións gandeiras, xa con falta de base territorial, e a desvalorización dos produtos alimentarios da zona pola desvalorización da súa imaxe".

Máis eucalipto

O informe tamén lembra que a análise do impacto socioeconómico presentado pola empresa só fai referencia ao período 2025-2030, pois "non hai datos relativos aos compromisos, prazos, nin financiamento referidos á segunda fase da implantación da industria".

En canto á materia prima necesaria para este proxecto, o informe conclúe que "a expansión das masas forestais de especies do xénero Eucalyptus é unha das consecuencias probábeis". Segundo a investigación realizada por Eduardo Corbelle, "non sería posíbel abastecer a nova fábrica sen incrementar a área ocupada por plantacións de eucalipto na Galiza (entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais, que se engadirían ás 409.000 actuais) ou sen importar un volume considerábel de madeira".

O informe, que foi remitido á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, xa está dispoñible para descarga desde o web da institución.

[EN AMPLIACIÓN]