O curso escolar principia entre a "satisfacción" da Xunta e as protestas de Anpas

Arriba, Alfonso Rueda no IES Valle Inclán de Pontevedra, Suso Bermello na concentración da CIG-Ensino en Compostela e un neno no seu primeiro día de clase no CEIP de Barouta (Ames). Abaixo, protesta no IES A Cachada (Boiro), no CEIP Cernada de Castro (Lousame) e mobilización no CEIP Pedrouzos (Brión). (Fotos: Xunta da Galiza /Arxina/@MartinoBoiro/ ANPA Alecrín/ANPA Andaravía)
Un total de 307.854 estudantes estaban chamados esta cuarta feira ás aulas no inicio do curso escolar na Galiza. Unha primeira xornada marcada, por unha parte, polo discurso desde o Goberno galego da mellora do ensino nestes anos e, por outra, polas protestas de docentes e Anpas pola deterioración do sistema educativo galego.

O curso escolar non universitario empezou esta cuarta feira na Galiza, cos 307.854 alumnos e alumnas entre Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Educación Especial chamados a aulas. Son 3.298 estudantes menos que o ano pasado. O curso tivo o seu inicio oficial en Pontevedra, no IES Valle-Inclán, nun acto coa presenza do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. A escolla deste centro debeuse, explicou Rodríguez, a que foi "o primeiro instituto na Galiza". Desde alí, o mandatario galego quixo salientar os "avances" no sistema educativo galego nestes anos e anunciou un novo plan de mellora das infraestruturas educativas "para os vindeiros  tres anos" que terá un orzamento inicial de máis de 210 millóns de euros.

O conselleiro afirmou que este curso "vén cheo de moitisimas novidades organizativas e pedagóxicas para ir preparando o noso ensino para os 25 anos que temos por diante". "Sempre pode haber algunha cuestión concreta, algunha cuestión específica, pero en xeral a normalidade é a tónica", engadiu, a respecto do inicio do curso.

Esas "cuestións concretas" ou "específicas" ás que se refería o conselleiro estaban a ter lugar en diferentes comarcas da Galiza non só mentres el interviña, senón ao longo de toda a mañá e protagonizados por diferentes actores da comunidade escolar: docentes, familias e alumnado.

"Megatrola"

Nunha concentración convocada pola CIG —sindicato maioritario no ensino público— diante da sede central da Xunta  da Galiza, en Compostela, delegados e delegadas denunciaron o continuísmo nas políticas da Consellaría, a "manipulación das cifras de contratación" e que se vendan como propios "programas financiados externamente". O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembrou que “a día de hoxe non se produciu ningunha baixada de ratios efectiva, máis alá de 4º de Infantil e nalgunha aula mixta". Bermerllo que "no corpo de mestres e mestras hai cada ano menos efectivos nos cadros de persoal" e dixo que "non é certo que se contraten 400 novos efectivos como se anunciou inicialmente " para atender alumnado con dificultades educativas.

De feito, estas dúas cuestións —o incumprimento de ratios e a falla de profesorado para estudantes con necesidades— foron os motivos principais das mobilizacións e protestas que decorreron esta cuarta no inicio do curso escolar, e tomando o relevo bastantes delas da dinámica mobilizadora destas semanas.

Folgas, concentracións e vestimenta de loito

En colexios como o Brea Segade (Taragoña, Rianxo, comarca da Barbanza) optaron por non enviar os nenas e nenos ás aulas no primeiro día do curso. Unha mobilización decidida pola ANPA e que tivo un seguimento total: só 2 dos 110 escolares matriculados acudiron ao colexio. Protestábase así polo incumprimento de ratios nalgúns cursos e pola falla de docentes. Tampouco foron a clase os estudantes do CEIP Areouta (Fisterra), onde a ANPA demanda que se cumpran as ratios e máis persoal.

En Boiro (Barbanza), profesorado e pais e nais concentráronse vestidos de negro en sinal de loito. Unha protesta coa que demandar que se dote ao IES A Cachada dun docente de pedagoxía terapéutica. A ANPA cifra en ao redor de 100 o alumnado deste instituto que precisa atención especializada. A mesma protesta, vestir de negro, seguiron no CEIP Cernadas de Castro (Lousame, comarca de Noia) pais e nais, que acompañados de escolares concentráronse ás portas do colexio para pedir, que denuncian que fican sen profesor de audición e linguaxe para o presente curso, cando hai uns anos había dous especialistas nesta materia. 

En Brión (comarca de Compostela), as familias do colexio de Pedrouzos concentráronse esta cuarta feira contra os recortes de profesorado e esixen unha atención á diversidade “real”. "Menos pantallas e máis profesores” ou “Conselleiro, atende, Pedrouzos non se rende" foron algúns dos lemas coreados na protesta, que tamén denunciou o incumprimento nas ratios. 

En Ferrol esta cuarta foi xornada de folga no IES Ferrol Vello. Tres días de paro polo recorte no profesorado. O seguimento da folga no alumnado foi, no día de inicio do curso, de máis de 70%.

En Pontevedra, a cidade elixida pola Xunta para inaugurar oficialmente o curso, pais e nais concentráronse ante o CEIP San Clemente defendendo a terceira unidade de Infantil, após a súa eliminación efectuada pola Consellaría de Educación. 

Tamén esta cuarta, desde o Colexio oficial de Traballo Social de Galiza denunciaban que a eliminación das prazas de Traballo Social nos Equipos de Orientación Específicos "deixa desprotexido o alumnado máis vulnerábel, incrementando o risco de exclusión social". 

Tampouco faltaron as incidencias no transporte escolar: oautobús escolar que tiña que levar estudantes  ao IES Sar (Compostela), non apareceu. Na súa vez veu unha furgoneta (sen distintivo ningún de transporte escolar) que tivo que facer varias viaxes. 


"Os nosos fillos estudan en medio de cascudas"

As protestas e mobilizacións continúan hoxe. A ANPA do CEIP Altamar de Vigo convoca as familias a que os nenos e nenas do centro acudan simbolicamente hoxe a primeira hora ao centro con cascos de obra en sinal de protesta e denuncia pola situación do mesmo. Unha integrante desta ANPA denunciaba a través dun correo "as gravísimas deficiencias do centro no que estudan os nosos fillos, no medio de cascudas, ratas, humidades e elementos oxidados, que son un perigo para a integridade dos nosos fillos". Unha situación, engade, "que foi denunciada pola propia directora do centro" mais que continúa sen ser solucionada.

Recortes

A Galiza é a segunda comunidade do Estado español cun menor investimento educativo. Segundo os datos que fixo públicos en xuño a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), o gasto educativo por habitante na Galiza ficou en 1.040 euros no ano 2023, 132 euros por baixo da media estatal. A caída do investimento educativo real foi moi importante en 2023. Se na anualidade de 2022, Galiza superaba o gasto en educación por habitante de Castela-A Mancha, Castela e León, Madrid e Asturias, no último exercicio só fica por diante de Asturias.