Instan o ministro de Cultura a protexer o patrimonio do Camiño Francés fronte á "macrocelulosa" de Altri

Carteis en contra de Altri en Palas de Rei. (Foto: Nós Diario)
"Galiza non pode soportar outro proxecto de industria que reverta nunha maior eucaliptización do territorio", advirten desde Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e Plataforma Ulloa Viva.

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva veñen de remitir unha carta conxunta ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun, trasladando a súa "firme oposición" ao proxecto 'Gama' de Altri polos "innumerábeis impactos negativos" que entenden que suporía a 'macrofábrica' sobre o patrimonio cultural e natural galego. Inciden especialmente no Camiño Francés e no Camiño Primitivo do Camiño de Santiago, declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO, sendo competencia do Ministerio de Cultura a promoción, protección e difusión do patrimonio cultural español, que 'Gama' "poría en serio perigo".

Como anteriormente realizaron cos ministerios de Transición Ecolóxica; Agricultura, Pesca e Alimentación, e mais Industria, as asociacións asinantes da misiva elaboraron un informe específico coas afectacións que poden ser de competencia do Ministerio de Cultura. No documento arguméntase o "irracional que sería conceder fondos públicos a unha actividade tan destrutiva co medio ambiente, co patrimonio cultural e cos sectores primarios galegos".

As organizacións tamén valoran como "indecente" que Altri, a través da nobel empresa Greenfiber, "sen experiencia nin patrimonio algún e creada probabelmente para ter máis facilidades á hora de recibir fondos públicos", pretenda recibir até un cuarto do seu investimento inicial —uns 250 millóns de euros dos 900 que di que investirá— de fondos Next Generation a través do PERTE de descarbonización.

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SLG e Ulloa Viva destacan que o Camiño de Santiago e as actividades do sector primario son "os maiores impulsores da economía nestas comarcas da Galiza interior", caracterizadas por unha economía "sostíbel e respectuosa co medio, asociada á agricultura e a gandería, a producción ecolóxica, as industrias agroalimentarias, así como os hábitos e a forma de vida tradicionais que modelan a paisaxe antrópica, e que fai delas o maior atractivo para quen peregrina por estes camiños".

O impacto ambiental e paisaxístico que se produciría no Camiño Francés, o máis afectado polo proxecto, ocasionaría un "progresivo e alarmante descenso do número de peregrinacións e un deterioro irreparable da economía local", inciden. "A contaminación lumínica e sonora, o impacto na Rede Natura 2000 e a contaminación do aire, auga e terra serían constantes día e noite", engaden os colectivos asinantes.

Para estas entidades, "Galiza non pode soportar outro proxecto de industria que reverta nunha maior eucaliptización do territorio", xa que numerosos estudos científicos demostraron que "a exaxerada proliferación destes monocultivos no noroeste peninsular está directamente relacionada coa perda de biodiversidade, a deficiente integridade ecolóxica, a inflamabilidade da paisaxe e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático".

Asemade, apuntan que o proxecto supón tamén unha "afección aos recursos hídricos" pola captación diaria que se pretende na cunca hidrográfica do río Ulla, e posterior "vertedura de augas tratadas quimicamente". Mais tamén afectará culturalmente a ribeira do río Ulla, din, que está ligada ás tradicións, "sendo todo un símbolo paisaxístico, cultural e económico con numerosos elementos patrimoniais e antigas referencias no Códice Calixtino, formando parte do Camino de Santiago".

Recentemente, as mesmas organizacións trasladaron a todos os concellos bañados por este río, ou que captan augas para abastecemento da poboación, a petición Declaración de dereitos do río Ulla e dos compromisos da súa comunidade ribeirá, que agora fan extensiva ao ministro de Cultura, ao que solicitan unha declaración institucional de dereitos do río Ulla e o compromiso de protección como ben cultural e natural.

Para rematar, as organizacións asinantes fan un chamamento a toda a cidadanía a acudir o domingo 26 de maio, ás 12 horas, a Palas de Rei, para participar masivamente na primeira manifestación contra este proxecto, que discurrirá baixo o lema 'Dende a Ulloa ata a Ría. Terra, auga e aire son vida'.