Unha investigación do CSIC cifra entre 20 e 30% a perda da poboación de mexilla

Bateeiros recollendo mexilla nunha zona da ría de Arousa. (Foto: Opmega)
En 2006, o sector bateeiro recolleu case 9.000 toneladas de mexilla —cría do mexillón— nas costas galegas con destino ás bateas de cultivo. Quince anos despois, en 2021, esa cifra era de 6.200 toneladas (30%) menos e en 2022 de 7.000 (20% menos). Un estudo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en colaboración coa Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), dado a coñecer esta segunda feira, afonda nas chaves deste descenso.

A escaseza de mexilla preocupa no sector bateeiro galego —3.300 bateas de cultivo, 11.000 empregos directos e 7.000 indirectos, segundo datos do Consello Regulador do Mexillón— e está na orixe das desavinzas e desacordos que hai entre este sector e o percebeiro que alcanzaron o seu punto máis crítico nos anos 2022 e 2023. Coñecer canto caeu a poboación deste recurso ou cales poden ser os motivos dese descenso foron algúns dos compromisos adquiridos pola Xunta da Galiza no seu día co sector. Cuestións estas que tamén centran a investigación que realizou o CSIC, en colaboración con Opmega, e que vén de publicarse na revista Frontiers in Marine Science —a terceira revista científica máis citada a nivel mundial sobre os sistemas mariños—.

O estudo, liderado desde o grupo de Procesos Oceánicos en Cambio Global do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) e no que participou persoal do Centro Oceanográfico de Vigo, constata que —tal e como denuncian os produtores e produtoras de mexillón desde hai tempo— hai un descenso na dispoñibilidade da semente de mexillón na Galiza.

Ademais, relaciona o descenso co afloramento costeiro, un fenómeno que propicia a acción do vento norte sobre as rías galegas e que fai que estas sexan tan ricas en nutrientes. O equipo de investigación, coordinado polo investigador Xosé Antonio Padín, recompilou por primeira vez informes de extracción de mexilla en bancos naturais entre 2006 e 2022.

Cantidade anual

“A cantidade media anual recollida polo sector no litoral galego é de ao redor de 8.300 toneladas. En concreto, a análise dos informes mostrou un descenso da dispoñibilidade de mexilla especialmente intenso desde 2012, que levou a unha mínima provisión de 6.300 toneladas [30% menos] na campaña de recolección 2020-2021", indica Xosé Antonio Padín. En 2022, recolléronse pouco máis de 7.000 toneladas, o que representa un 20% menos que en 2006.

Este resultado coincide "co descenso xeral doutras especies do intermareal rochoso observado a escala global nas últimas décadas, tal como sucede co mexillón no norte de Europa”, salienta o investigador. A investigación relaciona esta variabilidade interanual da provisión de semente de mexillón con cambios no vento do norte durante a fase larvaria da mexilla (entre os meses de xullo e novembro, antes da súa recolección).

Neste sentido, Padín pon de manifesto que “o compoñente norte-sur do vento explica o patrón de asentamento e dispersión das sementes de mexillón no litoral de Galiza descrito polos informes dos bateeiros”. O estudo, que o CSIC deu esta segunda feira a coñecer, tamén prestou atención ao cambio na estratexia de cultivo no sector mexilloeiro co que se pretende favorecer a comercialización de mexillóns de menor tamaño.

Cambios no mercado

“Este cambio na produción aumentou en 75% o número de individuos comercializados [de menor tamaño] e reduciu o período de crecemento. Por iso, podería estar a afectar o potencial reprodutivo dos mexillóns, tanto en termos de oportunidades de desova como de número de gametos producidos”, di a investigadora Laura García Peteiro, que tamén participa neste traballo.

Así, prosegue, "a análise do impacto do cambio de tallas suxire que o potencial reprodutivo manteríase estábel na desova de outono polo aumento de reprodutores que compensaría o menor tamaño dos mesmos, mentres que o potencial reprodutivo ao longo do ano e as desovas de primavera e outono mostraría unha diminución significativa ao perderse oportunidades de desova na fracción cada vez máis importante de mexillón pequeno”, conclúe García Peteiro.