A investigación médica avanza na detección temperá da diabetes tipo 1

María Rego, Juan Francisco Perán e Ana Tormos. (Foto: Anedia)

A Asociación de Nenas, Nenos e Xente nova con Diabetes da Galiza participou nun foro no que se abordaron temáticas como a necesidade de implementar novas políticas de saúde pública para a detección precoz da diabetes.

Anedia, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes da Galiza, vén de participar no Foro ‘Ir más allá de lo que podemos ver: Detección temprana de Diabetes tipo 1’, un evento decorrido en Madrid, no marco do Congreso que a Asociación Europea para o Estudo da Diabetes desenvolve e no que se abordan cuestións como a necesidade de implementar novas políticas de saúde pública para a detección precoz desta doenza. A agrupación con sede en Pontevedra foi unha das numerosas entidades todo o Estado español que tomou parte nunha xornada de carácter informativo que congregou expertas, científicas, investigadoras e autoridades de diferentes Estados.

Tal e como explica a presidenta de Anedia, María José Rego, “estamos moi contentos e agradecidos de poder participar neste evento” e deixou clara tamén a importancia de que os avances en investigación permitan facilitar unha detección previa dunha enfermidade autoinmune como é a Diabetes tipo 1.

Precisamente, unha das cuestións que se abordou foi a importancia dos cribados que permiten saber, cunha simple mostra de sangre extraída cunha pequena picada nun dedo, se están presentes os anticorpos que interveñen no desenvolvemento da diabetes, o que permite facer unha predición de se unha persoa vai padecer esa doenza nos vindeiros meses ou anos.

“É emocionante comprobar que podemos falar de algo novo e de que os avances que se conseguen xa non nos limitan exclusivamente a falar da calidade de vida dunha persoa enferma, senón que permiten abordar a problemática cando aínda non existen síntomas clínicos”, explica a presidenta de Anedia. María José Rego destaca que isto permite ás persoas afectadas, así como ás súas familias, poder xestionar unha formación previa “dun xeito organizado e tranquilo”, evitando os procesos de diagnóstico con ingresos na UCI ou xa cando se detectan danos irreparábeis no corpo.

Neste foro internacional púxose o foco na necesidade de impulsar leis e políticas de saúde pública máis específicas sobre a detección precoz da diabetes. Un exemplo exposto na xornada na que participou Anedia é a normativa impulsada polo Goberno de Italia, que estabelece un cribado sobre diabetes e celiaquía.

Outro motivo para o optimismo que se tratou na xornada internacional foi o desenvolvemento dun medicamento, xa aprobado en Estados Unidos pola FDA e que está á espera de autorización en Europa, con capacidade para retardar a aparición da enfermidade. Neste sentido, desde Anedia reafirman o seu compromiso á hora de continuar velando polo benestar das familias con enfermos de Diabetes tipo 1 e colaborando activamente en proxectos sanitarios ou de investigación que sigan axudando a que “a sociedade poida ter un novo concepto sobre esta enfermidade”, sinala María José Rego.