Unha investigación revela o aumento "acelerado" da acidificación da ría de Vigo

Imaxe de arquivo da ría de Vigo. (Foto: Universidade de Vigo)

Un estudo mostra unha marcada diminución dos niveis de ph durante 25 anos e aposta por afastar a produción de mexillón das desembocaduras dos ríos.

Unha investigación revela "taxas aceleradas" do incremento da acidificación na ría de Vigo nos últimos 25 anos, que provocaron cambios "importantes" no sistema mariño.

Así figura nun estudo de Sara Cameselle, Antón Velo, Daniel Broullón e Fiz F. Pérez, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC), así como de María Dolores Doval, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño da Galiza (Intecmar ), que veñen de ser publicados na revista científica Scientific Reports -dentro do grupo editorial propietario de Nature.

O estudo revela unha notábel diminución dos niveis de pH na ría de Vigo, cuns "sólidos patróns de acidificación" que "son especialmente pronunciados" nas augas superficiais (0-5 metros), onde se observan de forma sistemática as taxas máis altas, que diminúen coa profundidade.

A investigación indica que a deforestación, as actividades de uso do solo e as emisións de combustíbeis fósiles, entre outros, aumentaron a concentración de dióxido de carbono de 277 partes por millón en 1750 a 417 partes por millón en 2022, co océano como "un maior sumidoiro de CO2" ao absorber 26% do dióxido de carbono durante a última década.

E o CO2 do océano altera o estado químico da auga do mar nun proceso coñecido como acidificación oceánica.

Risco para os bivalvos

O estudo céntrase na ría de Vigo, no límite norte do sistema de afloramento da corrente de Canarias. No verán, os ventos do norte afastan as augas superficiais da costa, o que provoca o afloramento de augas máis profundas, frías e ricas en nutrientes.

Este proceso de afloramento produce un impacto nutritivo nas augas costeiras, o que dá lugar a un apoio esencial para a biodiversidade. Como zona costeira, os procesos relacionados co sistema do carbono son diferentes aos do océano aberto, “o que fai que estas zonas sexan máis vulnerábeis ás presións derivadas das actividades humanas”.

Tamén hai diferenzas en función das zonas, xa que as estacións de análise máis interiores son as que presentan taxas de acidificación máis extremas.

"A variabilidade observada débese á influencia de factores locais como o aporte  fluvial, as interaccións terra-mar e os procesos bentónicos sobre a química dos carbonatos da ría de Vigo", conclúe.

Deste modo, a investigación identifica “desafíos únicos aos que se enfronta o ecosistema mariño nesta zona”, especialmente para organismos como os bivalvos, “cruciais tanto para o tecido ecolóxico como para o económico da comarca”.

Porque a "importante" acidificación observada "supón unha ameaza significativa para estes organismos", por iso identifican a necesidade de estratexias específicas de investigación e conservación para mitigar os impactos e preservar a biodiversidade mariña da ría de Vigo.

Consideran que o coñecemento exhaustivo en materia de acidificación da ría permite "a cría selectiva e a xestión da poboación, os sistemas de amortiguación, a acuicultura multitrófica integrada e a mellora do hábitat".

Nesta liña, apunta a unha selección máis eficaz dos emprazamentos das producións. Por exemplo, "está ben documentado que a auga do mar perto das desembocaduras dos ríos adoita ser máis ácida en comparación coas zonas máis afastadas destas entradas", unha situación que tamén se observa na ría de Vigo.

Polo tanto, este estudo conclúe que “a selección de lugares afastados das desembocaduras dos ríos pode mitigar os impactos do baixo pH, optimizando o medio para o cultivo de mexillón e garantindo a sustentabilidade e produtividade das explotacións acuícolas na ría de Vigo”.

Así mesmo, apóstase porque futuras investigacións amplíen as variábeis a analizar para "achegar unha visión máis profunda da complexa dinámica da acidificación dos océanos".