Investigado por homicidio o ex-compañeiro de Tatiana Vázquez

Permanece detido en dependencias policiais desde o domingo á espera de pasar a disposición xudicial.

O subdelegado do Goberno español en Lugo, Ramón Carballo, comunicou que o ex-compañeiro de Tatiana Vázquez, Ibrahima N., único detido polo momento no caso polo asasinato da muller de 24 anos no barrio de San Fiz, en Lugo, está a ser investigado por un presunto "homicidio". Até o momento, non pasou a disposición xudicial e tampouco se prevé que o faga nas vindeiras horas. A policía conta con 72h. de prisión preventiva que poderían esgotar. 

O detido podería pasar a disposición xudicial esta cuarta feira após declarar en dependencias policiais

Durante o rexistro do domicilio de Ibrahima N., os axentes atoparon restos de sangue que están a ser cotexados para determinar se pertencen a Tatiana Vázquez, recolle o diario lugués El Progreso. 

"Agardamos que no día de hoxe preste declaración en sede policial. A partir de aí o máis probábel é que pase a disposición xudicial", indicou Carballo. Nas últimas horas as pesquisas policiais, acrecentou, están a proporcionar "dados reveladores". 

Tatiana Vázquez foi soterrada no día de onte (11 de abril) na parroquia de Duancos, en Castro de Rei, de onde era orixinal. De se confirmar oficialmente que o seu asasinato foi máis un crime machista trataríase do segundo feminicidio de 2016 na Galiza, após o de Ana Gómez en Becerreá o 11 de febreiro deste ano.