A Irmandade Obreira de Acción Católica rexeita a celulosa en Palas de Rei

Planta de celulose de Altri em Vila Velha de Rodão, Portugal. (Foto: Altri)

A organización IOAC-HOAC da Galiza entende, recollendo as palabras do Papa Francisco, que ‘un traballo que pon en perigo a supervivencia das xeracións futuras non pode considerarse decente’.

A Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC - HOAC da Galiza), dentro da súa campaña “Coidar o traballo. Coidar a vida”, rexeita instalación dunha fábrica de celulosa en Palas de Rei.

A través dun comunicado sinalan que, tomando como referencia a encíclica Laudato Si do Papa Francisco,  as súas palabras din que “a previsión do impacto ambiental dos emprendementos e proxectos require procesos políticos transparentes e suxeitos ao diálogo”. Ademais, o Papa indica que “sempre é necesario alcanzar consensos entre os distintos actores sociais, que poden achegar diferentes perspectivas, solucións e alternativas”.

Por este motivo, o Papa argumenta na encíclica que “fai falta sinceridade e verdade nas discusións científicas e políticas, sen reducirse a considerar o que está permitido ou non pola lexislación”.

A HOAC asegura que “segundo se foron coñecendo características do proxecto, sucedéronse informacións contraditorias e medias verdades por parte dos seus promotores, que non responden a esa exixencia de transparencia e sinceridade, e, máis que aportar información fiábel, transmiten a prevalencia dos intereses empresariais sobre consideracións medioambientais ou sociais”.

Oposición da poboación

O texto da encíclica, para esta organización católica, fai fincapé “na opinión dos habitantes da zona, que neste caso mostran unha clara oposición, canalizada principalmente mediante a Plataforma Ulloa Viva. Grupos ecoloxistas, sindicatos, partidos políticos e outras entidades tamén se opoñen baseándose nas fundamentadas opinións de persoal experto en distintos campos do saber”.

Ademais, aclaran que “tampouco se chega ao consenso necesario dos distintos actores sociais. Por este motivo, conclúen que “como organización obreira cristiá, unímonos a este rexeitamento debido ás deficiencias do proxecto e ás graves consecuencias socioeconómicas e medioambientais que se prevén de levarse a cabo”.

Neste sentido, afirman que “é importante a creación de emprego pero isto non pode ir en detrimento doutros postos de traballo e do medio ambiente”.