Entrevista

Javier Castroviejo: "Mentres non cambie o nivel ético e cultural dos que teñen o poder será imposíbel recuperar a paisaxe"

Javier Castroviejo presidiu o programa 'Home e Biosfera' da Unesco. (Foto: Nós Diario).
Javier Castroviejo (Bueu, 1940) é doutor en Bioloxía e investigador. Foi presidente do Programa MaB ('Home e Biosfera', polas súas siglas en inglés) da Unesco e entre 1975 e 1988 dirixiu a Estación Biolóxica de Doñana, un espazo natural e cultural que segue a observar e defender desde a súa casa de Sevilla. Leva proxectos en Iberoamericana e impulsa a Estación Biológica Cantábrica. Visita Galiza con frecuencia: Tirán, Costa da Morte, Os Ancares. Porén, o seu pensamento está hoxe na Ulloa e no desafío ambiental de Altri.

—Como valora a proposta de Altri para instalarse en Palas de Rei?
Altri é unha empresa e o fin das empresas é facer cartos. A cuestión non é Altri, a cuestión é que os que están pagados e ben pagados e teñen como función que se cumpran as leis sexan rigorosos, e se a cousa non é conveniente, non se faga. Polo tanto, a responsabilidade do que poida pasar, en boa medida, é da administración pública, dos políticos e dos empregados públicos. Eles teñen o deber de velar polo ben xeral e polo cumprimento das leis. E isto vale para Altri, para a plantación masiva de eucaliptos, para a contaminación das rías e dos ríos ou para a proliferación de encoros ou eólicos.

—Que consecuencias terá para a Galiza e para A Ulloa un proxecto das características de Altri?
Altri é un disparate difícil de cualificar. Unha empresa que vai consumir ao día a mesma cantidade de auga que emprega toda a provincia de Lugo, que prevé unha superficie ocupada igual que toda a cidade de Compostela, dez veces máis grande que a factoría de Ence na ría de Pontevedra, con chemineas de 75 metros non se pode facer. Só o tamaño vai acabar coa paisaxe, un elemento de enorme importancia, porque é a síntese da relación da actividade humana co medio natural, que foi harmónica durante milenios e que agora queren quebrar en meses. Pero ademais do tamaño hai que ter en conta a contaminación que vai ocasionar, do aire e das augas, até a ría da Arousa. E hai que considerar a avanzada que suporá para inzar de eucalipto toda a Galiza interior, até o de agora libre da praga da plantación masiva desta especie invasora. Altri vai desfacer a paisaxe, vai acabar coa agricultura, co Camiño Santiago, pero tamén vai destruír a conca do Ulla, un río simbólico para Galiza, inspirador de grandes literatos. Como poden consentir isto os políticos e os funcionarios públicos da Xunta para que unha empresa poida ten uns beneficios maiores? Non pode ser.

Altri non se pode facer de ningunha maneira. É un proxecto que hai que parar como se parou no ano 1951 outra celulosa prevista en Pontecesures. As mariscadoras e os moitos artigos de meu pai, José María Castroviejo, escritor e xornalista, lograron paralizar o desastre a pesar das polémicas e das ameazas, porque entón, un moneco coa figura de meu pai apareceu colgado dun carballo. Do mesmo xeito, as mariscadoras tamén botaron atrás nos 70 unha gran fábrica de aluminio na ría de Arousa. Se entón puideron frear senllos proxectos hoxe tamén se ten que poder. Van ser os xornalistas e os medios de comunicación, ademais da sociedade civil e a xustiza quen freen Altri; non se albisca outra.

—Cre que hai unha indiferenza grave cara ao patrimonio natural e cultural dun territorio, da Galiza neste caso?
Non, non estou de acordo. O pobo non é indiferente e proba diso son as máis de 20.000 alegacións escritas contra Altri presentadas e as manifestacións masivas contra o seu proxecto. Iso non é indiferenza. Son indiferentes os que non poden nin deben selo desde un punto de vista moral, ético, administrativo e legal; os que declaran a celulosa de Altri de utilidade pública e proxecto estratéxico, coñecendo, ademais, os antecedentes da empresa. Onde estamos? Como vamos estar quietos querendo a Galiza? Ou acaso somos todos parvos?

Manifestación contra o macroproxecto de Altri en Palas de Rei o pasado 26 de maio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

—En mans de quen poñemos, entón, a protección do medio natural, a biodiversidade, a pervivencia de hábitats e paisaxes?
É urxente un profundo cambio modernizador. O ameazado patrimonio natural, cuxo futuro é incerto, debe ser responsabilidade dun equipo multidisciplinar de persoas independentes, cultas e sensíbeis, de alto prestixio e probados valores éticos. Despois tense que acometer unha auditoría ambiental de Galiza. É imperativo dada a situación. Os 250 millóns que quere Altri poderían ter este destino. Tamén debe reasignarse o persoal da administración actual, baseada en equipos tecnocráticos e corporativos de enxeñeiros da madeira e afíns, que hoxe monopolizan a xestión da natureza. Teñen demostrado unha clara incompetencia, indicadora dun descoñecemento das funcións e servizos dos ecosistemas (incendios, eucaliptización, estado dos ríos, biodiversidade, bosque autóctonos, dos espazos protexidos como a Rede Natura 2000) non tolerábel.

O gran cambio ten que ver coa moral pública, a honestidade e o cumprimento das leis

Na situación actual, os que non nos dedicamos á función pública debemos ser moi conscientes de que se non coidamos nós o noso patrimonio natural e cultural, o noso modo de vida, non o coida ninguén. Para isto temos poucos medios e un tempo limitado. Non nos podemos esquecer da ética do tempo. Na natureza moitas das perdas son irreversíbeis e iso interpela a ciencia e a cultura, mais tamén a moral e a ética. Por iso hai que apuntar ben e ir onde corresponde, directamente ao presidente da Comisión Europea. É a forma de que o caso chegue ao Tribunal da Xustiza da UE (TXUE). Hoxe as normas que guían o coidado da natureza e o medio ambiente son as directivas europeas que, prevalecen sobre as nacionais. Tamén, está a xustiza española, pero é lenta e cara. Mais non hai outra forma. Abonda con ollar para o patrimonio natural da Galiza, os feitos non se poden encubrir. E temos que ser nós, se non, ninguén o vai facer.

—Este reclamo a nós mesmas, valería para frear o cambio global que nos aprema?
Claro, contribuiría a que non se acelerase. Os grandes cambios no se deixaron de producir desde que hai mundo. Agora estamos nun período de notábel gravidade polos impactos negativos causados e convén facer todo o que estea nas nosas mans para minoralo e evitar todo aquilo que o acentúe, pero non se lle pode botar a culpa de todo ao clima e ás causas materiais. O gran cambio ten que ver coa moral pública, a honestidade e o cumprimento das leis.

—A ausencia destes tres obxectivos, ou ideais, é o que explica a situación que atravesa Doñana, ao bordo da desaparición?
Evidentemente. Penso que hai poucos lugares ou espazos naturais no mundo que teñan tanta protección legal como Doñana e, con todo, é un dos máis destruídos e ameazados. Non se cumpren as leis, non hai moral pública nin se procura escarmento para os infractores. O incumprimento das normas e a impunidade dos responsábeis permitiron agresións case irreparábeis sobre os leitos que asolagaban a marisma e aceleraron unha deterioración sobre os hábitats difícil de reverter. 

Desde hai máis de 25 anos vense incumprindo de forma obxectiva e absoluta o Real Decreto Lei 7/1999, nomeadamente as actuacións 5 e 7 que ordenan restaurar os leitos do Guadiamar e do Brazo da Torre para a Marisma e Doñana. Isto sucede a pesar das leis, da presión do TXUE, da imaxe internacional de España, das sancións económicas e outros. Se se cumprise a lei, Doñana non estaría na situación actual. Pero non é só Doñana. Na Galiza temos o exemplo da desaparecida lagoa de Antela, na Limia; da destrución do patrimonio natural e cultural dos Ancares; da contaminación e destrución das rías e das zonas húmidas. Mires onde mires é desolador. Na costa apenas quedan carballeiras, todo é eucalipto, e isto acaba coa fauna, coa flora, coas fontes, cos regatos, coas corredoiras, coa paisaxe. En fin, nada esaxerado se analizamos o currículo dos responsábeis do  medio ambiente galego.

Marisma do Rocío, en Doñana. (Foto: SEO Birdlife).

—É reversíbel?
Se os que mandan fosen honestos, tivesen sensibilidade e coñecementos, claro que estariamos a tempo de recuperar unha parte da paisaxe e do patrimonio estragado. Non hai recuperación sen sensibilidade, cultura, coñecementos e que as leis se cumpran. Pero mentres non cambie o nivel cultural e ético dos que teñen o poder político e económico, xa non é que sexa máis fácil ou difícil é que non se vai facer. E o que digo vale tanto para Galiza como para Doñana. 

Ao desaparecer a natureza e faltar o home pérdense os usos tradicionais que orixinaron e mantiveron a paisaxe durante miles de anos até hoxe

—Que radiografía fai da situación que atravesa o parque natural?
Hoxe Doñana está ao bordo do punto de non retorno. A marisma morre porque non se cumpre as leis, insisto. Os regatos públicos foron desecados e desviados, un por un. Hai unha contaminación pavorosa e o nivel de auga freática, profunda, que se extrae con pozos perforados, sobre todo na parte co chan de area, o Coto, baixou tanto que o acuífero está na categoría de sobreexplotado e en perigo. Pero, en teoría, o patrimonio natural pódese recuperar. Son as perdas do patrimonio cultural as que son irreversíbeis.

O mellor exemplo témolo en Antela. Só hai que pensar en todo canto se deixou ir coa desaparición desta lagoa: as razas de gando, a cacería, todo o patrimonio vernáculo, as pontes, os palafitos destruídos... Iso xa non volve. En Doñana, o mesmo. Toda a gran zona húmida, a Marisma, e podo citar tamén Mesopotamia, o lago Titicaca, o mar de Araal... xeraron a súa cultura, froito da simbiose entre home e natureza durante milenios. O mesmo ocorre nos Ancares, podes ir e facer unha palloza, pero apenas se atopa palla de centeo do país, a que valía de verdade para teitar, unha actividade case esquecida, por non falar dos marañóns (as raquetas da neve), barrelos ou chuzos. Moitos nin as palabras van coñecer. 

Vista dunha palloza nos Ancares. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Ao desaparecer a natureza e faltar o home, polo éxodo rural ou a destrución do medio, pérdense os usos tradicionais que orixinaron e mantiveron a paisaxe durante miles de anos até hoxe.

—En Doñana a xestión da auga é un asunto capital que desde hai moito transcende ese territorio.
Si, é capital. Da auga e dos hábitats acuáticos depende este espazo. Doñana, a Rede Natura 2000, vixiada pela UE, agoniza pola morte da súa marisma que xa non se enche cada inverno coma antes porque os leitos foron canalizados e a auga que traían desviada ao mar. A auga e o seu mundo é un conxunto esencial, que ten importantísimos valores culturais, lúdicos, sanitarios, económicos ou ambientais, e non se pode reducir a algo que se utiliza só para lavarse, regar, facer encoros ou refrixerar industrias, que é o que nos levou a este colapso actual.

Unha boa parte da auga da Península está contaminada e a xestión que se fai dela fica moi lonxe de ser integradora coa natureza e o benestar humano. Pódese dicir que a maioría dos nosos ecosistemas estuarinos e dulceacuicolas (fluviais e outros) desapareceron (Antela, Lajanda, La Nava, a Mancha Húmida) ou están arruinados (As Gándaras, Valdoviño, Doñana, Delta do Ebro, Daimiel); de facto, son tamén un quasi monopolio de corporativismo tecnocrático, como os montes. Agora os incendios, a falta de agua e o devalo de diversidade biolóxica e cultural móstranos as consecuencia dunha xestión tecnocrática, endogámica e que responde aos intereses corporativos ignorando o coñecemento científico e a ecoloxía aplicada. Por iso non se debería facer nada que comprometa ou acabe co uso da auga destinada a outras actividades, calquera que sexan. Sería o caso da megacelulosa de Altri. De se facer, nin Camiño de Santiago, nin gando, nin agricultura, nin carballeiras, nin paisaxe nin río Ulla. Só cemento, unha mole que cheira, fai ruído e que vai afectar a vida de miles de persoas. Só vale para xustificar unhas contas de empresa. Pero insisto, o responsábel non é só a empresa, os responsábeis son os que permiten isto contra as leis.

A quinta parte de Galiza volveuse un conxunto estéril coa eucaliptización da paisaxe

Poño outro exemplo máis próximo. A eucaliptización da paisaxe galega, posíbel por un sistema xurídico-legal fomentado polos enxeñeiros xa con Franco e que continua hoxe, acabou con carballeiras, fontes, regatos, fauna, flora, cultivos. A quinta parte de Galiza volveuse un conxunto estéril.
Iso non é desenvolvemento, é crecemento dun sector a conta dos doutros, porque onde pos eucalipto acábase a vida, menos a desta árbore. O desenvolvemento implica unha visión en que cabe calquera outra actividade; implica escolas, universidades, sanidade, medio ambiente, agricultura, turismo, industria, áreas naturais. 

Campo de cultivo localizado na área da antiga lagoa de Antela, na comarca da Limia. (Foto: Adega).

Efectos, causas e causantes

Javier Castroviejo fala con determinación sobre o proxecto que Altri aspira a implantar en Palas de Rei (A Ulloa). O seu discurso incisivo vai dirixido a quen ten o poder e a responsabilidade de non permitir que se vulneren as leis, mais tamén aos que calan. "Que pensa facer a mocidae galega?", pregunta. "Cando lles van sacar os colores a outros medios que se cren grandes e que non sacan nada de Altri?". "Non se dan conta da situación de Galiza, do que é A Ulloa e o que vai causar a macrocelulosa?", insiste.

Castroviejo chama a dar un paso máis á fronte, sinala a perda xeneralizada de biodiversidade e fala de efectos, causas e causantes. "Sempre andamos ás voltas cos efectos pero poucas veces sinalamos as causas e os causantes. Ti vas ao campo e non oes as ras, non ves saltóns, non oes os grilos nin as rolas. Está morto. Non ves lagartas nin miñocas. Pero, por que? Non consideramos os efectos causados polos antiparasitarios, os insecticidas, os herbicidas ou as plantacións masivas de eucaliptos. Non nos preguntamos quen os usa, quen os autoriza e quen os promove. Tampouco sobre o que din as leis e por que non se cumpren. Nisto non se quere entrar".