Lugo terá Escola Municipal de Música

Antón Bao coa Banda de Música de Lugo
A nova infraestrutura estará situada no Centro Social "Uxío Novoneyra" e contará cun total de 19 espazos acondicionados para o seu funcionamento.

"O maior proxecto cultural de Lugo será unha realidade en breve", segurou Antón Bao, tenente de alcalde da cidade. Até agora Lugo era a única cidade galega que non tiña escola municipal de música mais si existían noutras localidades lucenses como Monforte, Sober, Taboada, Chantada, Sarria, Guitiriz, Vilalba, Ribadeo, Viveiro ou Burela. Para Bao o compromiso coa música de Lugo ten historia. Como exemplo está a Banda de Lugo é a Banda Municipal, a máis antiga de Galiza desde a súa creación no 1876.

Nesta semana reuniranse representantes políticos, técnic@s dos distintos departamentos do concello e membros dos sindicatos para iniciar formalmente os trámites administrativos necesarios para que a Escola Municipal de Música quede constituída como servizo, dependente da área de cultura, dentro do organigrama do propio Concello. Ademais esta semana quedará perfilada a contratación das obras para a adecuación das salas do Centro Social "Uxío Novoneyra" que albergarán a Escola Municipal de Música. Hoxe mesmo reunirase a Comisión Técnica para recibir os informes que avalan a creación da Escola baixo a forma de xestión directa. No modelo formulado serán os actuais integrantes da Banda Municipal quen se farán cargo da organización, docencia, planificación educativa e xestión integral da Escola Municipal de Música. Esta comisión, que estará presidida polo tenente de alcalde, esta conformada por técnic@s municipais e por dous representantes de cada un dos grupos políticos con representación na corporación municipal. Nesta Comisión Técnica trataranse tanto os aspectos relativos a cuestións de persoal como o informe de economía e da secretaría. Toda a información será distribuída entre os integrantes para o seu coñecemento e validación.

A cuarta feira 23 de maio celebrarase unha mesa de negociación en que estarán @s representantes do comité de empresa e dos sindicatos. Nesta xuntanza trataranse os asuntos referidos aos cambios relativos ao persoal na Escola Municipal de Música. O feito de que @s actuais membros da Banda de Música Municipal asuman de xeito íntegro o traballo necesario para o funcionamento da Escola de Música provoca un cambio na súa consideración laboral. Este cambio de status será abordado na mesa de negociación en que estarán representadas todas as partes interesadas. Unha vez rematada a fase administrativa e cando o Pleno do Concello aprobe a ordenanza fiscal que fixe as taxas abrirase o prazo de matrícula para todas as persoas interesadas.

Creación de emprego
Coa creación da Escola Municipal de Música @s actuais compoñentes da Banda Municipal pasarán a ser funcionari@s cunha xornada laboral completa. Até o de agora atopábanse nunha discutíbel situación laboral ao estaren considerad@s como funcionari@s a media xornada. Esta situación obrigaba @s profesionais da Banda Municipal a compatibilizaren o exercicio da música con outras tarefas profesionais. Todos os aspectos de funcionamento da escola, tanto docentes como administrativos e organizativos, estarán en mans d@s actuais compoñentes da Banda Municipal de Música.

Oferta formativa
As aulas están pensadas tanto para nenas e nenos que se inician na música, como para persoas de todas as idades que queiran aprender a tocar algún instrumento. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos principalmente de vento e percusión e 9 materias teóricas de apoio e formación musical. As persoas que se matriculen poderán escoller entre clarinete, percusión, gaita, frauta, trompa, trompeta, fagot, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical.