Luz Fandiño e Lola Ferreiro recibiron a 'mullerenaxe'

Goretti Sanmartín (no medio) e María Rozas, esta quinta feira en Santiago (Foto: Arxina).
O feminismo lembra a memoria de Maruxa e Coralia Fandiño en Santiago nas figuras de Luz Fandiño e Lola Ferreiro. 

Esta quinta feira, como cada dezaoito de xullo, o feminismo galego realizou unha 'mullerenaxe' en Compostela ás irmás Fandiño Ricart, durante anos consideradas tan só personaxes pintorescas por descoñecerse a súa tráxica historia de represión e resistencia. A iniciativa xurdiu en 2012, un ano despois de que, cadrando co 75 aniversario do levantamento do fascismo, foron as asociacións O Galo e Ateneo de Santiago as que recordaron a Coralia e Maruxa cunha homenaxe na que non faltaron poesía e flores. 

O acto tivo lugar, como cada ano, ás  dúas en punto e ante a escultura das irmás Coralia e Maruxa Fandiño. A mesma hora á que contan que saían de paseo polas rúas compostelás as dúas irmás. Nesta ocasión, coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e da primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, recibiron 'mullerenaxe' a poeta e activista,  Luz Fandiño, e da psiquiatra e docente, Lola Ferreiro

Lembranza para Luz Fandiño e Lola Ferreiro

Luz Fandiño, nada na capital galega en 1931, concretamente no barrio de Sar, emigra primeira a Arxentina en 1952 e despois a Francia en 1962.

Retorna ao país en 1979, onde agroma a súa produción cultural, participando en recitais e tamén en volumes colectivos como Xuro que nunca volverei pasar fame. Poesía escarlata (Difusora, 2003) e lanzando libros de poemas individuais, como Farangulliña de neve (1998) ou O pracer de envellecer (2014). Faleceu o pasado 28 de abril na capital galega. 

Lola Ferreiro, médica especializada en Psiquiatría, foi unha das figuras máis relevantes do feminismo galego, até o punto de ser unha das fundadoras da Asociación Galega de Mulleres (AGM).

Autora dun corpus teórico sobre saúde cunha perspectiva de xénero transversal, un campo que tamén explorou co deseño de programas de educación para a saúde a visión androcentrista da medicina.

Formou parte da Asociación Galega de Saúde Mental e centrou o seu estudo no campo da psiquiatría infantil e xuvenil, ademais de interesarse polo estudo das relacións afectivas e a educación para a saúde, formando parte do colectivo Mira por elas! Membro da Marcha Mundial das Mulleres e colaboradora de Nós Diario, faleceu o 11 de decembro de 2023.