Ás dúas en punto paran os reloxos: 'mullerenaxe' popular ás Marías

O feminismo compostelán repetiu este 18 de Xullo o acto en memoria das irmás Coralia e Maruxa Fandiño Ricart, máis un día para contar a historia das dúas mulleres da estatua da Alameda. Aliás, a asociación cultural O Galo e o Ateneo continúan co proxecto para lles ofrecer unha sepultura digna onde xaceren xuntas: unha foi enterrada na tumba da nai e a outra na da súa irmá Sara

photo_camera [Imaxes: SG]


A súa cara vende postais. A 40 céntimos nunha pequena tenda da Algalia de Arriba, en Compostela. Por mercar máis de tres, o encargado rebaixa o prezo e déixaas nun euro xusto. "As nosas mulleres", di, namentres mete a postal nun sobre de papel. Maruxa, a máis baixiña, tapa o corpo cun vestido de raias, vermellas e brancas, e cobre o lombo cun abrigo a xogo. Coralia, que desde moza quixo ser Rocío, tamén vai de vermello. Curiosa cor, pois o réxime e quen lle bailou as augas tivéronas sempre por 'roxas'. E por 'putas'. 

A súa cara tamén sae nas fotos d@s turistas que visitan a Alameda de Compostela. Collen unha da man ou agarran a outra polo van sen saber moi ben quen son, á parte de dúas mulleres con roupas rechamantes que dan ben en cámara. O 18 de xullo de hai dous anos, cadrando co 75 aniversario do levantamento militar do fascismo en 1936, a asociación cultural O Galo e o Ateneo de Santiago quixeron recordar estas dúas mulleres nun acto inzado de poesía e flores. Desde aquela, é o movemento feminista da cidade, nomeadamente a cooperativa As Dúas e a libraría Lilith, quen convocan unha mullerenaxe en que recordar a súa historia de resistencia. 

Volveu ser esta quinta feira, na Alameda. Ás dúas en punto. A mesma hora á que contan que saían de paseo polas rúas compostelás, ao pechar o taller de costura que rexentaban. Eran doce @s fill@s do zapaterio da rúa Espírito Santo, tres deles militantes da CNT. Un foi paseado. Os outros dous fuxiron e ficaron agochados varios anos, até que deron con eles e os encarceraron. A elas torturáronas. Querían información sobre os irmáns varóns. O vestir, a maquillaxe e a desafiaron o gris daqueles anos.

Ás dúas en punto do día en que comezou a súa historia de represión pararon os reloxos. E diante da escultura que César Lombera ergueu para elas na Alameda @s asistentes, rodeadas de flores lilás e vermellas, recordáronas. 

Separadas despois de mortas

A recuperación da memoria histórica de Compostela está detrás do proxecto que na primavera deste ano encetaron a asociación cultural O Galo e o Ateneo, coa colaboración da Asociación de marmoristas da Galiza.

Procurar para As Marías, as mulleres máis coñecidas e retratadas da capital do País, unha sepultura que lles devolva, agora mortas, a dignidade que en vida lles fora arrebatada. 

Que se emprendera tal iniciativa neste ano non é casualidade, pois foi en febreiro de 2013 cando apareceu a tumba onde se pensaba que as dúas irmás xacían.

A investigación dos mencionados colectivos, consultando os rexistros oficiais, permitiu coñecer que os tres anos de diferenza que separaron a súa morte, levou a que as enterraran por separado.

Así, unha estaría nunha sepultura propiedade da nai, namentres a titular da outra sepultura era da terceira das irmás Fandiño Ricart, Sara, quen morreu moi nova. Así llo explicou a Sermos Galiza Pancho Candela, secretario do Ateneo compostelán, facendo fincapé nas dificultades burocráticas que se aveciñan para poder soterrar xuntas "estas dúas veciñas que nos fixeron libres". 

Aínda que de momento non é máis que unha idea e que require, en todo caso, do visto e prace, d@s familiares das Marías que aínda viven, Adrián Candela, secretario do Galo, explica que o que se pretende é a construción dunha lápida "parecida á de Valle-Inclán", realizada en granito rosado para xogar coa pedra de Compostela e coa cor que caracterizou sempre as dúas mulleres. 

Comentarios