Máis dunha ducia de colectivos de Palas de Rei rexeitan Altri cun concerto reivindicativo

Concerto reivindicativo en Palas de Rei contra Altri. (Foto: Cedida)

O Mirador da Praza da Galiza en Palas de Rei (comarca da Ulloa) acolleu no mediodía deste sábado un concerto contra a celulosa proxectada polo grupo Altri no municipio, ao que asistiron centos de persoas.

O concerto, promovido polo colectivo Palas Viva, contou coa presenza de diversos grupos musicais, na súa maioría da propia localidade, entre os que destacaron Palacio do Rei, A Fonte de Merlán, Altruistas de Buxaina, Sonambulum, Peter Garage, Mecánicos do Rimo ou Ruxe Ruxe.

Palas Viva aproveitou o concerto para presentar un manifesto apoiado por 13 entidades do movemento asociativo da localidade, entre as que se atopan grupos culturais, ecoloxistas, veciñais ou de consumidores, onde se rexeita o proxecto de Altri.

O chamado está asinado por Alentía teatro, Asociación cultural Agarimo, Asociación cultural Buxaina,  Asociación Son d´aldea, Asociación de veciños A Fonte de Merlán, Asociación cultural veciñal e de defensa ambiental Entreportas ou  Asociación de veciños Ulloa-Sambreixo.

O manifesto está, tamén, apoiado  por Casa das Augas, Centro de Documentación e Interpretación da comarca da Ulloa, Coral Polifónica de Palas de Rei, Fundación A Eira, Instituto de Estudos Ulloáns, Metátese teatro, Orde das Donas do Priorato de Vilar das Donas “Os Lobos” e Rede de Consumo O Careón.

O chamado cualifica a Altri como “a ameaza que mudaría radicalmente este anaquiño da Ulloa” e rexeita “modelos industriais baseados no espolio e o acaparamento de fondos públicos”.

O manifesto entende que Altri “causaría un impacto medioambiental de enormes proporcións”, en referencia ao “inxente consumo de auga nun contexto de diminución dos recursos hídricos debido ao cambio climático” .

As asociacións de Palas de Rei consideran que Altri “provocaría unha mudanza nos usos da terra e na paisaxe ao aumentar de xeito exponencial as plantacións de eucaliptos, materia prima empregada por esta factoría”.

Os colectivos denuncian os efectos “altamente negativos” deste proxecto no tecido socioeconómico do concello “tanto na actividade económica derivada dos Camiños Xacobeos coma a do sector agrarogandeiro poderían sufrir importantes regresións”.