Medio Ambiente

As plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa chaman a "arrodear San Caetano" contra Altri o 30 de xuño

Rolda de prensa anunciando a manifestación contra o proxecto de Altri na Ulloa, esta sexta feira. (Foto: Arxina)
Este novo acto reivindicativo da sociedade civil contra a "ameaza de Altri" prevé concentrar "milleiros de persoas amosando de novo", logo da manifestación en Palas de Rei do pasado 26 de maio, o "rexeitamento de toda Galiza ao proxecto da pasteira".

As plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa (PDRA) anunciaron esta sexta feira unha nova mobilización social contra o proxecto de macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa). A voceira de Ulloa Viva, Zeltia Laya, e o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, anunciaron para o 30 de xuño que milleiros de persoas voltarán á rúa para “arrodear San Caetano” pedíndolle á Xunta da Galiza que, “xa que nos meteu neste problema, nos saque tamén del”. Apoiados por colectivos ecoloxistas, sindicatos e representantes dos sectores do agro e do mar (desde A Ulloa até a ría de Arousa), deixaron de novo claro que “non imos parar, imos chegar onde faga falta para parar esta barbaridade que atenta contra os nosos sectores produtivos, o medioambiente e o noso modo de vida”. 

Zeltia Laya explicou na rolda de prensa o seu caso particular. “Son de Melide, nacín e crieime alí, meu pai ten en Melide un negocio e miña nai traballa en Palas de Rei. Eu vivo en Palas e teño unha filla, e traballo en Vila de Cruces”. Co seu exemplo vital, Laya recalcou que “toda a zona directamente afectada pola macrocelulosa ten que ver co meu día a día”. Como ela, dixo, moitas veciñas e veciños integrados na Plataforma Ulloa Viva “estamos loitando contra Altri para deixarlles claro que non nos van asoballar, que recibimos un legado dos nosos pais e nais e imos conservalo para os nosos fillos e fillas”.

Desde a ría de Arousa, o presidente da PDRA advertiu de que Altri “vai ter un impacto moi importante na calidade ambiental das comarcas directamente afectadas, pero tamén no conxunto do río e na ría de Arousa”. Xaquín Rubido dixo que esta afectación “é o que di a documentación achegada pola empresa no procedemento administrativo”, destacando que os propios datos do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) da empresa portuguesa advirten de que “van provocar unha intensa e extensa contaminación atmosférica acompañada dunha vertedura de 30 millóns de litros de auga ao día no encoro de Portodemouros”.

Xaquín Rubido referiuse tamén aos efectos de “degradación” no río Ulla “coa súa riqueza troiteira” e lembrou que a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa está nesta loita desde o principio porque asemade a macrocelulosa de Altri suporía “incrementar os graves problemas do sector marisqueiro na ría de Arousa”, algo que segundo explicou o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, “vai destruír os nosos postos de traballo sostibles, os nosos produtos de calidade e a nosa soberanía alimentar”. 

Rubido recalcou que a sociedade civil organizada en contra do proxecto de Altri está a traballar en numerosas frontes, entre elas as mobilizacións previstas este mesmo mes de xuño en distintos puntos do país. Advertiu o presidente da PDRA de que o estado actual de tramitación do proxecto de Altri en Palas de Rei deixa claro “a actitude do Goberno galego claramente facilitador e impulsor do proxecto de Altri, que abandona a defensa dos intereses de miles de familias que vivimos da terra e do mar”. A ese respecto alertou de que “hai un perigo real de que a Xunta aproveite o período estival para darlle a autorización administrativa a Altri para realizar a captación de 46.000 m3 ao día de auga do encoro de Portodemouros e realizar a vertedura de  30.000 m3 diarios de auga contaminada e a 27ºC”.

Exixirán a Alfonso Rueda que escoite a oposición social á pasteira

Logo de que esta mesma semana, na segunda feira, os directivos de Altri ofreceran a súa primeira rolda de prensa para informar aos medios do seu proxecto en Palas de Rei, Ulloa Viva e a PDRA quixeron esta sexta feira “desmontar” algunhas das “desinformacións” que a empresa leva meses trasladando publicamente. 

"Desinformación" 

Sobre que Altri “non vai consumir auga, só a vai usar”, Laya dixo que “calquera de nós tamén usamos a auga pero aparecemos nas estatísticas como consumidoras que somos dese recurso, e non pedimos unha captación de 46 millóns de litros de auga ao dia”. O conselleiro delegado de Altri dixo na segunda feira que “a nosa fábrica non vai ter impacto no medio ambiente”, ao que Ulloa Viva e a PDRA contestaron que “no seu proxecto recoñecen a emisión de 8.754 kg de gases contaminantes ao día por unha cheminea de 75 metros de alto, e unha contaminación diaria ao río Ulla de 62.010 litros de nitróxeno, fósforo, sulfatos e sólidos suspendidos”.

Laya cualificou como "zona 0" a área na que se prevé instalar a macrocelulosa

O responsábel de Altri asegurou que a celulosa emitirá CO2 bioxénico, “algo moi tranquilizador nunha empresa que non inclúe no seu proxecto a pegada de carbono, e que recoñece unha emisión ao ano de 100.000 toneladas de CO2, pero di que é bioxénico, como se o feito de non provir de combustíbeis fósiles fixese que o CO2 fose menos tóxico”, criticaron. Rubido engadiu que o feito de que o responsábel de Altri negue esa realidade “non fai máis que desacreditalo, porque nega até o que din os seus propios documentos”.


Advirten que Altri incumpre a normativa

Preguntados por Nós Diario sobre a importancia que as eleccións europeas deste domingo teñen na súa loita, as plataformas lembraron a súa visita a Bruxelas hai dous meses, onde trasladaron un informe feito por expertas en distintas materias que acredita que o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei “incumpre polo menos sete directivas da Unión Europea”. Por iso, esta sexta feira remarcaron que o que agardan do novo Parlamento Europeo que saia das urnas é que “respecten a súa propia normativa e deneguen os fondos que Altri e a Xunta queren”, fondos do Perte da descarbonización “que non poden darse a empresas claramente contaminantes que nin sequera inclúen a súa pegada de carbono de máis de 100.000 toneladas ao ano no seu Estudo de Impacto Ambiental”.

Tamén lembraron a PDRA e Ulloa Viva que o día 12 deste mesmo mes está convocada na ría de Arousa unha “manifestación marítima” acompañando a entrada en Vilagarcía do buque de Greenpeace Artic Sunrise, en defensa “dun sector que está a padecer desde hai meses problemáticas e mermas de produción e ingresos para os seus traballadores sen que a Xunta da Galiza atenda ás súas demandas”. En Pontevedra e Marín o día 16 de xuño haberá unha “marcha contra as celulosas”.