VÍDEOS NO INTERIOR

A manifestación marítima contra Altri xunta na ría de Arousa unhas 300 embarcacións: "Non imos permitir esa barbaridade"

Manifestación na ría de Arousa contra o proxecto de Altri na Ulloa. (Foto: Greenpeace / Pedro Armestre)
Unha gran manifestación marítima conformada por máis de 300 embarcacións percorreu esta cuarta feira a ría de Arousa para exixir ás Administracións alternativas á crise do sector pesqueiro e rexeitar a celulosa que a multinacional portuguesa Altri proxecta construír en Palas de Rei (A Ulloa). Defensa da Ría de Arousa alerta de que a pasteira contaminará o río Ulla e destruirá centos de empregos na súa desembocadura.

A ría de Arousa converteuse esta cuarta feira nun clamor contra a política pesqueira e industrial da Xunta da Galiza. Máis de 300 embarcacións representativas das diferentes artes de baixura encabezadas polo buque de Greenpeace Artic Sunrise percorreron as augas do esteiro do Ulla parar dar a voz de alarma sobre a delicada situación que padece o sector pesqueiro dunha das rías máis produtivas da Galiza.

A entidade convócante da mobilización, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), observa con preocupación o devalo produtivo da ría e entende que a posta en marcha da celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) representaría un golpe “definitivo” á actividade pesqueira. A este respecto, o voceiro da entidade, Xaquín Rubido, sinala a Nós Diario que “a ría enfronta un problema moi serio que afecta o conxunto do sector pesqueiro, nunha ría que concentra 70% das bateas da Galiza e 45% do marisqueo”.

Os datos ofrecidos pola Plataforma Tecnolóxica da Pesca da Xunta da Galiza para 2023 deixan clara a caída da actividade produtiva das rías galegas. Así, as capturas do sector marisqueiro reducíronse en 52% en comparación aos cinco anos anteriores, destacando a baixada da produción da ameixa bicuda (-70%), da ameixa xapónica (-28%), da rubia (-52%), da fina (-48%) e da ameixa babosa (-63%). Nesa anualidade, os ingresos do sector marisqueiro descenderon en 28,1% en relación á media do quinquenio anterior, ficando en 47,5 millóns de euros.

"A situación é catastrófica"

A presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Carril, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), María Porto, explica a Nós Diario que “a situación é catastrófica; estamos sen traballar desde decembro e esperamos comezar en xullo aínda que as expectativas non son nada boas”. Neste punto, lembra que “nos lombos do Ulla non hai marisco” e apunta que “os mariscadores seguen marchando do mar para buscar traballos en terra e ninguén quere vir para o mar nas condicións actuais”.

Manuel Santos, coordinador na Galiza de Greenpeace, que desprazou á Galiza o seu buque Artic Sunrise para alertar da situación da ría de Arousa, apunta a este xornal que “as rías galegas están nunha crise onde os mesmos indicadores dan conta do devalo produtivo”. Desta maneira, denuncia que “as rías están contaminadas, o saneamento integral continúa a ser unha tarefa pendente, o cambio climático aumenta a temperatura das augas e todo isto provoca unha crise do ecosistema que afecta a pesca de baixura que articula a sociedade da Galiza litoral”.

A ameaza da multinacional portuguesa Altri de erguer unha celulosa en Palas de Rei co apoio da Xunta da Galiza e contando con axudas públicas procedentes dos fondos Next Generation está a aumentar a preocupación entre as xentes do mar de Arousa. Neste sentido, Rubido indica que “a proposta da Xunta da Galiza de colocar unha celulosa na cabeceira do Ulla é o peor que se lle pode facer á ría de Arousa”. Considera que “en vez de entregar 250 millóns de euros á unha multinacional portuguesa, estes fondos deberíanse destinar ás rías galegas para rexeneralas e recuperar o seu pulo produtivo”.

"Non vén crear postos de traballo, vén destruílos"

“O presidente da Xunta da Galiza cando se manifesta a favor da celulosa de Altri sitúase contra a súa función institucional de defender todas e todos os galegos”, continúa Rubido, que considera que a posición de Rueda “vai en contra do noso sector do mar, porque Altri non vén crear postos de traballo, vén destruílos”. Nesta dirección, reclama á Administración galega que “recoñeza o problema que padece a ría de Arousa e sente a dialogar co sector do mar para buscar solucións á situación actual”.

Santos entende que “a instalación dunha nova celulosa na Galiza é unha barbaridade porque afecta o río Ulla, significa un perigo contra a natureza e atenta contra a Rede Natura”. Lembra que o emprazamento escollido por Altri para a súa factoría “está en zona de ampliación da Rede Natura e vai favorecer aínda máis a eucalipitización do país que é un dos grandes problemas para a biodiversidade”.

"Non imos permitir esa barbaridade"

“A celulosa de Altri pon en risco o río Ulla e a ría de Arousa”, di Santos, que considera que “Galiza non precisa unha nova celulosa, que xeraría máis pobreza no país e que poría en perigo os sectores primarios da Ulloa e da Arousa”. Resalta que “os ecoloxistas e o sector temos que colaborar porque partillamos obxectivos comúns" e que non van permitir "esa barbaridade".

O 16 e o 30 de xuño, novas protestas contra Altri

A xornada de protesta desenvolvida esta cuarta feira na ría de Arousa terá continuidade o vindeiro 16 xuño en Pontevedra na tradicional marcha contra Ence e o 30 de xuño en Santiago de Compostela, onde as plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa (PDRA) teñen convocada unha nova mobilización contra o proxecto de Altri de instalar unha celulosa na Ulloa. Na mesma, os colectivos promotores da protesta pretenden arrodear os edificios centrais da Xunta da Galiza en San Caetano e agardan unha participación masiva da cidadanía en liña coa manifestación desenvolvida en Palas de Rei o pasado 27 de maio.

O voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, afirmou que o estado actual de tramitación do proxecto de Altri deixa patente “a actitude do Goberno galego claramente facilitador e impulsor do proxecto de Altri, que abandona a defensa dos intereses de miles de familias que vivimos da terra e do mar”.

Rubido alertou de que “hai un perigo real de que a Xunta aproveite o período estival para darlle a autorización administrativa a Altri para realizar a captación de 46.000 m3 ao día de auga do encoro de Portodemouros e realizar a vertedura de  30.000 m3 diarios de auga contaminada e a 27ºC”.