DOMINGO, 10 DE XUÑO, EN COMPOSTELA

“Esta manifestación mostrará o amplo rexeitamento social en Galiza a proxectos como a mina de Touro”

Este domingo Compostela acolle unha manifestación nacional convocada pola Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non e a Plataforma en defensa da Ría de Arousa. Unha mobilización que os convocantes apontan que vai ser multitudinaria mentres advirten das manobras da empresa para desmobilizar a veciñanza.

Santiago de Compostela vai acoller este domingo [12:00 horas, saída da Alameda e final na Praza do Obradoiro] unha manifestación nacional baixo o lema ‘Non queremos unha herdanza envelenada: non á mina Touro-O Pino’. Convocada polas plataformas de oposición ao proxecto mineiro e de defensa da Ría de Arousa (PDRA), a mobilización organízase coa idea presente de reunir miles de persoas para mandar unha mensaxe clara e nidia: a oposición frontal á reapertura das minas de cobre de Touro que impulsa unha multinacional.

 

Mais esta mobilización tamén quer ser algo máis, como indica Xoán Louzao, da Plataforma veciñal contra a mina: “Está en xogo que modelo de país queremos. Queremos que os nosos recursos sexan explotados por multinacionais que veñen aquí simplemente interesadas en facer cartos?”, pregunta. O protesto  do domingo, sinala, “quer facer visíbel o amplo rexeitamento social que hai ao proxecto de mina para Touro-O Pino” mais tamén deixar ben clara a oposición “a ese modelo extractivista e de minería que algúns queren para Galiza”.

 

Para Xaquín Rubido, da PDRA, “hai razóns enriba da mesa para rexeitar este proxecto, hai criterios postos pola propia administración para non outorgar a autorización á mina. É unha cuestión de vontade política”. A Plataforma lembra que o proxecto mineiro non afecta só a veciñanza da comarca onde están os terreos mineiros, senón tamén a todo o sector do mar da Ría de Arousa, pois a contaminación podería chegar alí a través do Río Ulla. Non en van, a oposición a este proxecto plasmouse en comarcas como Barbanza e O Salnés en numerosos concellos que aprobaron mocións contra este proxecto.

 

Desmobilizar

 

“A empresa está intentado desmobilizar todo o posíbel para que a xente non vaia á manifestación. Mesmo saca un vídeo onde presenta a mina como a única solución para esta comarca, dicindo que a gandeiría non ten futuro, que isto vai despoboarse… Tómannos por parvos? A estas alturas vén unha multinacional a dicirnos cal ten que ser o noso futuro? É un despropósito”, di Xoán Louzao, que denuncia as manobras para intentar desanimar  a asistencia á manifestación.

 

Desde a PDRA, de por parte, critican  actuacións como a protagonizada desde Portos de Galiza retirando faixas convocando á manifestación. “É unha actuación fóra de lugar, que xera crispación. Debe garantirse a liberdade de expresión, é unha reacción doutros tempos”, denunciou Xaquín Rubido.

 

Proxecto

 

O que durante tempo fora un rumor, a reapertura da mina de Touro, converteuse en posibilidade o pasado agosto, coa exposición pública do proxecto. Os propietarios da explotación que durante tres décadas ficou abandonada, deixando sen restaurar a pegada ecolóxica de extraccións e contaminacións do pasado, pretenden retomar agora a actividade entre os concellos de Touro e o Pino. Mais atoparon cunha crecente oposición veciñal, social e institucional, que ve no proxecto a ruína da zona, un espolio que pode causar un impacto ambiental irreversíbel e un problema para a saúde e a economía da comarca e tamén doutras como a Ría de Arousa. De feito, as analíticas da Xunta confirmaron a contaminación dos regatos e ríos arredor da mina de Touro-O Pino a pesar de levar estes anos inactiva.