Unha marcha ciclista percorreu os montes do Morrazo para rexeitar os parques eólicos

Participantes na marcha ciclista polos montes do Morrazo contra os proxectos eólicos. (Foto: Nós Diario)

Unhas 200  persoas en bicicleta percorreron este domingo a comarca do Morrazo para rexeitar o parque eólico promovido pola empresa madrileña Arena Power.

A oposición ao proxecto eólico impulsado na comarca do Morrazo pola compañía Arena Power continúa sumando apoios. Após, que no pasado mes de maio as corporacións locais de Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa se manifestaran en contra da iniciativa, téñense desenvolvido múltiples iniciativas contra a instalación renovábel.

Este domingo, convocados pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non, 200 ciclistas botáronse ás estrada do Morrazo para rexeitar un proxecto eólico conformado por 15 aeroxeradores de 180 metros de altitude nunha área desenvolvemento eólica de 4.362 hectáreas

A marcha arrancou ás 10 horas de diante dos xardíns do concello de Moaña, subindo a continuación os montes de Meira até Chan da Arquiña, onde se realizou a primeira parada. Posteriormente desprazáronse de San Adrián e Santa Cristina no municipio de Vilaboa.

A ruta reivindicativa continuou pola Lago de Castiñeiras, entre os concellos de Vilaboa e Marín, introducíndose, finalmente, neste último municipio,onde percorreu os lugares de Chan de Armada e Lagocheiras en Santomé de Piñeiro de Marín.

'Parar unha ameaza eólica'

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, agradeceu o compromiso dos ciclistas na xornada reivindicativa. Ao tempo, salientou que “temos que demostrar con accións como esta a importancia que ten o monte para a nosa vida” e mostrou o compromiso do Concello de Moaña para "parar unha ameaza eólica especulativa e que só procura a espoliación”.

O representante da Plataforma Eólicos no Morrazo Non, Tonio Nogueira indicou que “todos os colectivos da plataforma están a favor das enerxías renovábeis e limpas, pero rexeitan que con este pretexto queiran implantar un modelo que espolia os nosos recursos”.

Queren converter o Morrazo nun territorio de sacrificio coa expropiación de terreos e fortes danos medioambientais, paisaxísticos, abastecemento de augas, saúde, patrimonio”, aseverou Nogueira “para exportar enerxía eléctrica obtendo todos os beneficios as empresas multinacionais”.

A Plataforma Eólicos no Morrazo Non significou que “o traxecto da ruta permitiu apreciar como as repercusións do proxecto de Arena Power non ficarán no monte, senón que todos os concellos da comarca se encontran en risco”.