Mariñeiros do 'Argos Georgia' pasan 20 horas en balsas até ser salvados

Localización do naufraxio (Foto: Europa Press).

14 superviventes e nove falecidos no naufraxio do palangreiro Argos Georgia chegaron na tarde desta cuarta feira a porto Stanley, o único existente nas illas Malvinas, fronte á costa arxentina. Esta cuarta feira pola noite continuaban desaparecidos outros catro mariñeiros que facían parte da tripulación da embarcación sinistrada, mentres que anterioremente, Malvinas suspendeu as tarefas de rescate polas dificultades meteorolóxicas.

A tripulación do Argos Georgia estaba integrada por 27 persoas. Segundo sinalou onte nunha comparecencia pública o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, entre as vítimas mortais do naufraxio atópanse dous galegos. Un deles, Cesar Acevedo era natural de Vigo e desenvolvíase como patrón de pesca. O outro, Santiago Leyenda, residía en Baiona (comarca do Vigo) e cumpría labores de cociñeiro na embarcación. Catro tripulantes galegos do barco sinistrado sobreviviron ao naufraxio. Trátase do capitán do barco e veciño de Ribeira, José Saborido Rey; do primeiro oficial e tamén residente nesa localidade do Barbanza, Ramón Hombre, e do xefe de maquinas natural tamén de Ribeira, Ramón García.

A estes tres veteranos mariñeiros súmase o pontevedrés, Francisco Gondar, segundo oficial a bordo. Juan Ramón García e Antonio Barreiro, outros dous galegos tripulantes do Argos Georgia, continuaban desaparecidos ao feche desta edición. García, natural de Ribeira era a primeira vez que se embarcaba neste buque, onde ía asumir a xefatura de maquinas. Barreiro, veciño de Noia e pai de dous fillos, era outro experimentado mariñeiro.

Os tripulantes da embarcación sinistrada permaneceron ao redor de 20 horas nas balsas salvavidas desde o afundimento do Argos Georgia á espera de ser rescatados. Segundo Pedro Branco as razóns do atraso no operativo de salvamento debeuse a que “as condicións meteorolóxicas eran moi desfavorábeis, con ventos de 35 nós e ondas de até 8 metros, polo que a operación de rescate é moi complexa".

As circunstancias climatolóxicas impediron aos medios aéreos achegarse ás balsas salvavidas onde agardaban os mariñeiros do Argos Georgia que, finalmente, foron rescatados por diversos pesqueiros que faenaban na zona, “entre eles o Robin M. Lee, barco da armadora galega Lafonia, e o chileno Puerto Toro”. Ao tempo, o Centro de Coordinación Marítima de Malvinas mobilizou a patrulleira de vixilancia Lilibet.

Branco afirmou que o afundimento “parece que o provocou unha vía de auga aberta no casco do busque”. A prensa arxentina xa avanzara con anterioridade esa hipótese, seguindo fontes do Goberno dese país, que consideran como posíbeis causas “o impacto cun corpo similar a un iceberg, unha mala manobra ou unha falla nalgunha válvula de toma de auga”. Precisamente, esta versión foi recollida polo diario Clarín, que a contrastou con diversos expertos.

Un deles, Domingo Contessi, propietario dun estaleiro na cidade arxentina de Mar da Prata, asegurou que “segundo se informou, houbo un incidente no barco que causou unha entrada de auga, pero un buque deses non se parte ao medio con facilidade. Puido tratarse dunha colisión cun iceberg, unha mala manobra do capitán ou un fallo nunha toma de auga".

Contessi indicou en relación co Argos Georgia que “é un buque que está preparado para ese tipo de auga, fría e de alta ondada, e tamén para atoparse co xeo. Por iso está revestido o seu casco dunha maneira máis reforzada, así como tamén a súa estrutura”.

As institucións dan o pésame ás familias das vítimas

As mostras de apoio ás vítimas do naufraxio do Argos Georgia sucedéronse ao longo da xornada de onte. A este respecto, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, trasladou o “máis fondo pésame ás familias e compañeiros dos tripulantes falecidos no naufraxio do Argos Georgia e manifestou na entrega das Medallas da Galiza, que “hoxe o corazón dos galegos está nas augas das Malvinas”. Precisamente, nese acto gardouse un minuto de silencio en recordo das vítimas do naufraxio.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou “o total apoio e solidariedade cos mariñeiros e familias nestes momentos de angustia” e destacou que “a dureza da vida da xente do mar volve quedar ben patente”. Ao tempo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, enviou “toda a solidariedade" e "agarimo da familia socialista" aos familiares das vítimas do naufraxio.

O colectivo de familiares das vítimas do Vila de Pintanxo, a través da súa voceira María José do Pazo, reclamou ao Goberno do Estado todo o apoio para as familias das persoas mortas no naufraxio. Asemade, o Goberno local de Baiona declarou dous días de loito oficial en lembranza do seu veciño falecido, Santiago Leyenda, e convocou un minuto de silencio na tarde de onte, onde participou o conselleiro de Mar.