Mariscadoras da ría do Burgo cortan o tráfico para demandar a prórroga de axudas após o dragado

Protesta das mariscadoras do Burgo na ponte da Pasaxe esta terza feira, 3 de setembro. (Foto: Confraría de pescadores da Coruña).
As mariscadores levan meses nunha situación crítica e piden prolongar as indemnizacións mentres non poden faenar.

Mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo (comarca da Coruña) protagonizaron unha nova protesta esta terza feira para demandar o pago de axudas tras a conclusión da obras de dragaxe e mentres non poidan faenar á espera de que crezan as crías.

O colectivo levou a cabo un corte de tráfico na ponte da Pasaxe, en sentido saída da cidade herculina. A protesta transcorreu sen especiais incidencias, con algunha retención que non alcanzaron o quilómetro, segundo precisaron a Europa Press desde o Centro de Control de Tráfico do Noroeste.

Novas mobilizacións

Por outra parte, Andrés Pena, presidente dos mariscadores a pé, avanzou que continuarán coas mobilizacións en demanda de axudas até que o marisco alcance a talla de comercialización.

Asegura que a espera afecta un total de 74 familias que non poden ir mariscar mentres os bancos non se rexeneren e o marisco alcance unha talla óptima.

Pena tamén criticou que ningún membro do Ministerio de Transición Ecolóxica acudise esta segunda feira á mesa de negociación convocada coa Xunta e o Goberno central para buscar unha "solución". "Seguen dando largas", lamentou.

O colectivo de mariscadoras vén reclamando desde hai tempo unhas axudas que consideran imprescindíbeis para afrontar os pagos correntes mentres non teñen a posibilidade de ir faenar. Mesmo reclamaron a redacción dun informe técnico que aclarase que Administración debe asumir esta compensación: se o Goberno autonómico ou o estatal.