Cortan o tráfico na Coruña para exixir axudas ao marisqueo da ría do Burgo

Manifestantes esta terza feira na ponte da Pasaxe (Foto: Nós Diario).
O colectivo de mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo protestaron esta terza feira na Coruña por unha situación que cualifican de "asfixiante".

Mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo demandaron esta terza feira o pago de axudas mentres non poidan traballar tras a conclusión das obras de dragaxe, á espera de que medren as crías e ante unha situación "asfixiante".

O colectivo empraza de novo a Xunta da Galiza e Goberno español a unha reunión para "tentar desencallar isto canto antes". Fixérono nunha nova protesta na zona da Pasaxe que causou retencións nas vías de saída da cidade herculina.

As persoas manifestantes cruzaron a ponte cortando o carril dereito dirección saída desde as 14 horas. 

Segundo o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir "a situación segue igual" e engadiu que "dá a sensación de que non queren atoparse as dúas administracións cara a cara".

Para Baldomir "é como se falasen de forma interna entre elas para porse de acordo e non asistir as dúas ao mesmo tempo". A este respecto, lembrou que "desde maio", cando decorreu unha reunión á que asistiron "as tres partes" -representantes da Confraría de Pescadores da Coruña e do Executivo autonómico e central-, "nunca máis" coincidiron.

O portavoz lembra que é unha problemática que afecta ás 74 familias que vivían do marisqueo da ría do Burgo que tardarán "entre 18 e 24 meses" en volver ao traballo.