CIG-Saúde denuncia a perda de calidade asistencial

Un médico para todo Viveiro en agosto

Concentración en Viveiro en defensa da sanidade pública. Foto: CIG-Saúde.

No Concello de Viveiro residen case 16.000 persoas. No verán, especialmente en agosto, a poboación da vila aumenta. Veraneantes, emigrantes retornados, visitantes ocasionais, convértena nun dos lugares máis transitados da Mariña. A pasada terza feira, 14 de agosto, o seu centro de saúde fixo fronte á situación cun só un médico.
 

Segundo denuncia CIG- Saúde, dos tres facultativos que pasan consulta na quenda de tarde, un atópase de excedencia e non foi substituído e o outro de vacacións. O Sergas tampouco enviou substituto. O sindicato lembra que na mañá tamén hai dous doutores sen substituír: un marchou por nomeamento político e o outro xubilouse.

 

A persoas citadas o 14 de agosto fixéronas agardar ate tres horas. Sanidade comprometérase a enviar un segundo médico. Despois desa espera, mandáronas para a casa. “O Sergas nega estas prácticas, pero a realidade do día a día e as denuncias dos pacientes nos distintos centros de saúde da bisbarra confírmano”, apunta a CIG. Numerosas persoas que tiñan cita para esa tarde rexistraron reclamacións oficiais.

 

“A amortización de prazas nos centros de saúde, a falla de cobertura das ausencias dos profesionais, a contratación en precario por días e incluso por horas provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial”, considera o sindicato nacionalista.

 

A central encadra estes sucesos de Viveiro nunha estratexia máis xeral da Xunta de Alberto Núñez Feixóo dirixida “ao desmantelamento intencionado da atención sanitaria pública”. “É o modelo da destrución de emprego, do deterioro progresivo da atención primaria, da asfixia dos profesionais”, indica, “co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostíbel. Para CIG-Saúde é fundamental rescatar a sanidade pública galega”.

 

As protestas polas retalladas estanse a facer sentir este verán nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada (PAC) de toda Galiza. A morte dun paciente que non recibiu atención no PAC da Estrada confirmou, unha vez máis, as terríbeis consecuencias da austeridade e os recortes na sanidade.