Segundo denuncia CIG- Saúde, dos tres facultativos que pasan consulta na quenda de tarde, un atópase de excedencia e non foi substituído e o outro de vacacións. O Sergas tampouco enviou substituto. O sindicato lembra que na mañá tamén hai dous doutores sen substituír: un marchou por nomeamento político e o outro xubilouse.
A persoas citadas o 14 de agosto fixéronas agardar ate tres horas. Sanidade comprometérase a enviar un segundo médico. Despois desa espera, mandáronas para a casa. “O Sergas nega estas prácticas, pero a realidade do día a día e as denuncias dos pacientes nos distintos centros de saúde da bisbarra confírmano”, apunta a CIG. Numerosas persoas que tiñan cita para esa tarde rexistraron reclamacións oficiais.
“A amortización de prazas nos centros de saúde, a falla de cobertura das ausencias dos profesionais, a contratación en precario por días e incluso por horas provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial”, considera o sindicato nacionalista.
A central encadra estes sucesos de Viveiro nunha estratexia máis xeral da Xunta de Alberto Núñez Feixóo dirixida “ao desmantelamento intencionado da atención sanitaria pública”. “É o modelo da destrución de emprego, do deterioro progresivo da atención primaria, da asfixia dos profesionais”, indica, “co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostíbel. Para CIG-Saúde é fundamental rescatar a sanidade pública galega”.
As protestas polas retalladas estanse a facer sentir este verán nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada (PAC) de toda Galiza. A morte dun paciente que non recibiu atención no PAC da Estrada confirmou, unha vez máis, as terríbeis consecuencias da austeridade e os recortes na sanidade.