Saúde

Médicos afirman que Altri producirá "problemas serios" sobre a saúde e a cadea alimentaria

Serxio Núñez, Manuel Martín e Mónica Cea, esta cuarta feira na rolda de prensa en Compostela na que presentaron o informe (Foto: Arxina).
A macrocelulosa que Greenfiber (Altri e Greenalia) proxecta en Palas de Rei (A Ulloa) ten riscos documentados cientificamente para a saúde pública. Así o constata un informe elaborado por SOS Sanidade, presentado esta cuarta feira, no que identifican "a choiva ácida, a contaminación de ar e auga e as dioxinas como posíbeis causantes de cancro e outras doenzas". 

O voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, presentou esta cuarta feira en Compostela o Informe sobre o impacto na saúde da poboación da contaminación que xerará o Proxecto Gama de Altri. Á presentación asistiron Mónica Cea, membro da Plataforma Ulloa Viva, e Serxio Núñez, representante do colectivo veciñal Santiso Vivo, integrado dentro da plataforma. Martín, médico de Atención Primaria e especialista en Saúde Pública, detallou os efectos sobre a saúde da poboación derivados das distintas emisións recoñecidas pola propia empresa no seu Estudo de Impacto Ambiental (EIA). Martín advertiu de que “están documentados efectos sobre a saúde e a cadea alimentaria” deste tipo de emisións das macrocelulosas. 

De feito, explicou que son precisamente as fábricas de celulosas as industrias máis prexudiciais para a saúde e “as terceiras que máis contaminan o ar e as cuartas que máis contaminan a auga”.

"Ningún país da UE quere unha celulosa, o de Altri na Galiza é neocolonialismo", denuncia martín

Segundo dixo en rolda de prensa esta cuarta feira en Compostela, “en Europa ningún país quere xa estas industrias e lévanas a países en vías de desenvolvemento. Un neocolonialismo respecto da Galiza que busca colocarnos unha industria que non quere ninguén”.

O voceiro de SOS Sanidade Pública detallou os efectos da contaminación recoñecida pola empresa no propio Proxecto Gama e identificou as cifras das emisións de Altri cun “gravísimo problema de saúde pública para toda Galiza”. Terra, auga e ar, explicou, veranse afectados por “unha contaminación persistente que terá efectos durante moitos anos” sobre a saúde das persoas. 

Contaminación no ar

Segundo detalla o informe presentado esta cuarta feira por SOS Sanidade Pública, un dos grandes perigos da contaminación atmosférica que provocaría Altri está nas partículas PM2.5, que inhaladas polas persoas “producen asma, enfermidades pulmonares crónicas e outro tipo de enfermidades agudas, como casos de patoloxías cardiovasculares e mesmo ictus. Ademais, destacou que a combustión dos produtos que Altri empregará para fabricar a polpa de papel sairán en forma de emisión pola cheminea de 75 metros deseñada no Proxecto Gama “que expandirá o problema a toda Galiza”, alertou o autor do informe.

O informe de SOS Sanidade Pública recolle que as emisións de partículas (PM2.5), no caso de Altri, serán 252,5 toneladas ao ano -Ence produce 195 toneladas-. “Estas partículas son as responsábeis de problemas respiratorios e cardiovasculares, asma e casos de accidentes cerebrovasculares (ictus)”, explica SOS Sanidade. Monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles, compostos clorados, óxido de nitróxeno e moitas  partículas en suspensión, recoñecidas no EIA de Altri en Palas de Rei, “afectan as vías respiratorias”.

Tamén destacou Manuel Martín os problemas que xerarán as dioxinas (un dos principais efectos contaminantes das celulosas). A respecto destes efectos, o doutor alertou esta cuarta feira en Compostela de que provocan “alteracións hormonais”, que poden derivar nos casos máis graves na aparición de cancros hormonodependentes como os de ovarios, mama e testículos. As dioxinas son ademais responsábeis, segundo alerta este informe, doutras doenzas como a diabetes tipo 2, a resistencia á insulina, alteracións  nos fetos e no desenvolvemento das crianzas e mesmo a síndrome de déficit de atención e hiperactividade nos nenos e nenas (TDAH).

Contaminación na auga

Segundo os produtos que Grenfiber declara no seu proxecto que vai usar para este proceso de fabricación da celulosa e o liocell, o informe de SOS Sanidade Pública destaca que a maioría son “químicos tóxicos prexudiciais” que producirán na auga eutrofización (perda de osíxeno) que, advertiu Martín, “acabará coa vida nos ríos”. Aliás, alerta este informe de que o uso persistente destes produtos e a súa vertedura ao río “afectará os acuíferos”. 

Martín, en declaracións a Nós Diario, explica que estes procesos de contaminación producidos polas industrias de celulosa “están documentados en países como o Uruguai, a Arxentina ou Chile”, e con esta documentación existente criticou que a Xunta da Galiza estea “aliada coa empresa para dicirnos que os efectos serán mínimos, que haberá controis e que case non hai riscos, algo que é unha absoluta falsidade”.

A polución de Altri fará aumentar os microorganismos patóxenos, alerta SOS

En canto á contaminación da auga, o informe recolle que os efectos de Altri incrementarán as algas tóxicas e microorganismos patóxenos causantes de enfermidades, modificarán o Ph acidificando as augas e danando peixes, mariscos e outros seres vivos que consumimos os humanos, tamén o aumento da temperatura da auga polos graos aos que irán as verteduras afectarán a súa calidade, un problema para a zona de implantación da macrocelulosa, pero tamén para os 11 concellos e máis de 140.000 habitantes que se abastecen da auga do río Ulla e para a ría de Arousa.

Destaca ademais o doutor Martín que Altri contribuirá ao efecto invernadoiro pola emisión de gases que estarán por encima de 100.000 toneladas ao ano, como o dióxido de carbono, principal gas de efecto invernadoiro, óxido de xofre (577,8 toneladas/ano) e óxido de nitróxeno (2.180,9 toneladas/ano).

SOS Sanidade advirte de casos de ansiedade

O informe dos efectos de Altri na saúde da poboación presentado por SOS Sanidade Pública pon énfase nun aspecto que até o de agora pasara desapercibido, a saúde mental. O doutor Manuel Martín explicou esta cuarta feira en Compostela que a macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa) provocará “alteracións no modo de vida e nas tradicións da xente da zona, xente que vive maioritariamente da terra afectada por toda esta contaminación”. Desde o punto de vista médico, o voceiro de SOS Sanidade asegura que a ameaza da macrocelulosa na contorna “aumentará os casos de ansiedade, depresión e angustia” entre os habitantes directamente afectados.

De feito, Manuel Martín explicou a Nós Diario que “xa se están a producir entre a veciñanza este tipo de episodios relacionados coa saúde mental”. En conversa con este xornal, certifica que “o temor e o medo á chegada da celulosa e a posíbeis afectacións e expropiacións de terras en moitos casos, está a derivar xa en casos 
de ansiedade e angustia na poboación”.

No informe explícanse ademais efectos como “problemas neurolóxicos (déficit de atención e hiperactividade nas crianzas, síndrome de TDAH), autismo, Parkinson ou Alzheimer en maiores”, tamén relacionados coa implantación da celulosa en Palas de Rei.